Alibérico pasa do interese polas plantas galegas de Alcoa a competir directamente con elas

Instalacións da antiga planta de Alcoa na Coruña, pola que se interesou Alibérico e actualmente en mans da firma Alu Ibérica (Foto: Nós Diario).
Alibérico, que intentou facerse coas plantas galegas de Alcoa en 2016 e dous anos máis tarde intentouno tamén coas da Coruña e Avilés, renuncia a poxar pola de San Cibrao e levanta un complexo en Huesca co que deixará de depender do aluminio primario que se produce na Galiza.

Esta segunda feira, a empresa Iberfoil, filial do grupo Aluibérico, manifestaba a súa intención de levantar unha planta de aluminio na localidade oscense de Sabiñánigo. En realidade é a ampliación dunha factoría xa existente, anteriormente pertencente á multinacional Alcoa, para adaptala á reciclaxe de restos de produción da propia planta e tamén do resto de industrias do grupo presidido polo galego Clemente González Soler, para a produción de espesores finos, moi demandados na industria farmacéutica.

A construción da nova factoría en Huesca vai supor un duro golpe para a planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo), que ve como perde un cliente ao que colocaba 25.000 toneladas anuais de aluminio. Alibérico deixará de depender dela despois de que o pasado ano, como recoñecera o propio González Soler, a folga iniciada polos traballadores e traballadoras da multinacional na Mariña o obrigase a paralizar a produción na súa factoría por falla de subministración. 

O holding do empresario galego, considerado o maior grupo privado español do sector do aluminio e o máis importante grupo familiar europeo do sector emerxeu en 2016 nas negociacións para facerse coas plantas de Alcoa de San Cibrao (Cervo), A Coruña e Avilés que, segundo recoñeceu, estivo "a punto" de fechar, mais a falla de estabilidade e garantías sobre o prezo da enerxía evitou que a operación prosperase.

En 2019, xusto un ano despois de adquirir a Alcoa a planta de Sabiñánigo, o nome de Alibérico volvía aparecer nas negociacións para procurar unha saída ás plantas da Coruña e Avilés, que ao final caeron en mans do fondo suízo Parter.

De comprador a rival

Agora, con Alcoa iniciando unha nova rolda de negociacións para tratar de vender a un terceiro a planta de aluminio primario de San Cibrao, o holding do empresario galego bórrase da lista de candidatos. E non só iso, senón que ensina os dentes á multinacional norteamericana vendendo un modelo de produción moito menos intensivo en enerxía, ao evitar o consumo do aluminio primario que sae de San Cibrao, e cun importante aforro de custos derivado do menor gasto enerxético da fundición de chatarras.

A perda dun cliente importante pode interferir nas conversas entre Alcoa e os posíbeis compradores, xa que son uns ingresos fixos que vai deixar de recibir. De feito, fontes do sector temen que poida ser un argumento máis para que a multinacional retome o seu plan para botar o feche á planta de San Cibrao, unha decisión que, por outra banda, está pendente do que ditamine o Tribunal Supremo sobre o recurso ao auto do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que declarou nulo o despedimento colectivo.

Reunión cancelada

Por outra banda, o comité de empresa anunciou nesta terza feira a cancelación da reunión prevista para a cuarta feira cos directivos de Liberty, a principal candidata a facerse coa planta de San Cibrao, a causa da aparición dun caso de Covid entre a directiva da multinacional.

Namentres, a representación das e dos traballadores agarda que o resto de candidaturas lles dean a coñecer os seus plans.