martes 22/06/21

Unha nova planta en Aragón ameaza o negocio de Alcoa en San Cibrao

Iberfoil deixará de comprar 25.000 toneladas de aluminio primario en San Cibrao grazas á construción dunha planta de reciclaxe de chatarras en Sabiñánigo (Huesca).
A factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Europa Press/ Arquivo)
A factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Foto: Europa Press/ Arquivo)

Nova fronte de batalla para os traballadores de Alcoa en San Cibrao (Cervo), que esta segunda feira coñeceron o proxecto de Iberfoil para levantar unha planta de transformación de chatarras na localidade oscense de Sabiñánigo, que suporá que a empresa de laminación deixe de comprar 25.000 toneladas de aluminio primario á planta da Mariña.

O proxecto de Iberfoil consiste na construción dunha nova fábrica de máis de 45.000 metros cadrados, contigua á planta actual que a empresa xa ten en terreos comprados en 2018 a Alcoa, para proceder a recuperalas a partir das propias chatarras actuais de Iberfoil, das plantas de Alibérico (matriz de Iberfoil) e de clientes no Estado español mediante fundición das mesmas en cinco fornos, fabricando aluminio líquido que alimentará a dúas liñas de coada continua que fabricarán 25.000 toneladas de bobinas ao ano, que xa non sairán da Galiza.

Este proxecto supón un investimento de 42,3 millóns de euros a realizar entre 2021-2023 e destaca polo aforro enerxético, xa que, como salientan os seus promotores, supón un aforro de enerxía ao evitar o consumo de aluminio primario, con alto consumo eléctrico; unha importante redución de custos, dado en menor custo de enerxía da fundición de chatarras.

Ademais, contempla o deseño e desenvolvemento de fornos de  fundición que permitan no futuro empregar até 100% de hidróxeno como combustíbel e, polo tanto, evitar as emisións contaminantes deste tipo de procesos das actuais industrias do aluminio.

Por desgraza para os intereses das e dos traballadores de Alcoa, non é o único anuncio oficial vinculado co sector. A ministra de Industria, Reyes Maroto, comprometeuse onte a financiar a planta de aluminio que a empresa Latem Aluminium levanta en Villabrázaro (Zamora) a través de un fondo de apoio a investimentos produtivos dotado con 600 millóns de euros.

Curiosamente, a nova planta de aluminio prevé a creación de 520 novos postos de traballo, case tantos como os 534 que a empresa Alcoa incluía no despedimento colectivo asociado ao fechamento da planta de aluminio primario de San Cibrao.

Estes anuncios prodúcense ás portas do inicio das conversas esta mesma semana entre Alcoa e as empresas interesadas en facerse coa titularidade da planta galega da multinacional. 

comentarios