Alcoa perde 40 millóns ao mes pola folga indefinida

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, confía en que as Administracións movan ficha após o auto do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza sobre o ERE.
O comite de empresa de Alcoa na anterior negociación en Lugo (Europa Press).
photo_camera Representantes do comité de empresa de Alcoa nunha pasada reunión coa empresa. (Foto: Europa Press)

Un dos argumentos esgrimidos por Alcoa para xustificar o fechamento da planta de aluminio primario de San Cibrao (Cervo) eran as millonarias perdas que lle supuña ter aberta esta instalación. Mais o descontento xerado entre os traballadores polas decisións adoptadas estalle a saír aínda moito máis caro á multinacional norteamericana.

Segundo os cálculos do presidente do comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, a folga indefinida que manteñen os traballadores desde o 4 de outubro repórtalle unhas perdas de "entre 38 e 40 millóns" de euros ao mes "por non poder vender o produto (aluminio)".

"Está claro que o noso traballo está a ser bo, o dos sindicatos e traballadores. Agora o que fai falla é que os gobernos (español e galego) estean á altura, e que dunha vez por todas interveñan a factoría", indicou Zan.

O representante dos traballadores incidiu en que a folga indefinida "faille moito dano a Alcoa", polo que "agora só queda que lles fagan caso ás Administracións" ou que o Ministerio de Industria "a interveña".

En canto ao recente auto do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza que ordena que non se paralicen as cubas, o comité de empresa celebra que, aínda que o ERE "non pode paralo", si que "garante a totalidade do  empleo, en canto a non parar as cubas", xa que, como explicou o propio Zan, "para mantelas abertas é necesaria a totalidade do persoal, e deixa moi claro que Alcoa actuaría de moi mala fe se se lle ocorre despedir algún empregado, xa que eles mesmos dicían que o problema é o custo enerxético e non os salarios, nin os traballadores", argumenta.

Medidas de presión

O auto do Superior permitirá incrementar a presión sobre Alcoa para que ceda e venda a planta de aluminio primario a un terceiro actor, como pretende a Xunta, sen desbotar a posibilidade de que sexa a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (Sepi) a que exerza como parte compradora, tal e como xa intentara nas negociacións oficiais, para despois cederlla a Liberty House, a única empresa que amosou un interese real por facerse coa planta de aluminio primario de San Cibrao.

Comité e sindicatos seguen a apostar na vía da intervención como saída máis efectiva.

Comentarios