A decisión adoptárona por unanimidade a pasada terza feira en asemblea, tras o fracaso das negociacións entre a empresa e Liberty House para vender a factoría e despois dunha mesa sen acordo entre a multinacional e o comité de empresa, que acusa de "mala fe" no proceso á compañía estadounidense.
Así, o colectivo de traballadores intensifica as súas protestas após varias semanas de mobilizacións con cortes de tráfico e concentracións como a desta mesma semana ás portas da factoría, onde queimaron pneumáticos e un cartel da empresa.
O comité de empresa de Alcoa en Cervo asegurou que impedirán que saia unha soa “pinga” de aluminio da fábrica mentres non haxa un achegamento de posturas coa multinacional. O obxectivo é que a folga afecte á saída do produto para evitar que a empresa siga facendo negocio co aluminio mentres os seus postos estean no aire, pero que nin as cubas de electrólise nin a outra planta paren.
Xornada intensiva até o 31 de decembro
A pasada terza feira, o comité instalou senllas carpas ás portas das instalacións da factoría e avisou de que permanecerán aí "as 24 horas do día" con persoal do comité e representantes das empresas auxiliares. Non van dar o brazo a torcer. A súa intención é reducir o persoal e que o que se produza non saia da fábrica.
Este sábado, o cadro de persoal de Alcoa fico público un comunicado no que censuran o calendario imposto "unilateralmente" pola empresa, prolongando a xornada intensiva ata o 31 de decembro, e a apertura do comedor en tres fase, pero sen determinar os criterios da súa posta en marcha.
O comité de empresa denuncia que ambas as dúas medidas son "unha demostración máis de mala fe" dos patróns, xa que deixa en evidencia que tiñan previsto pechar a planta a finais de xullo e non contaban que se chegase a esas datas coa fábrica en produción.