Alcoa San Cibrao: feche da planta de Aluminio e 500 despidos

A empresa avalía despedir case á metade do seu cadro de persoal no complexo de San Cibrao e fechar a planta de aluminio. O presidente da multinacional no Estado español, Álvaro Dorado, reúnese hoxe co comité de empresa. 

Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)
photo_camera Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao (Europa Press)

Alcoa vai despedir 500 traballadores e traballadoras da súa planta de San Cibrao, case a metade do seu cadro de persoal neste complexo industrial. É a noticia que a última hora desta cuarta feira avanzou a Cadena Ser e que segundo este medio a dirección notificará hoxe ao comité de empresa. Hai fixada unha reunión para as 12:30 horas.

A decisión é un golpe mortal para a factoría de aluminio - que se vería abocada ao feche da planta de aluminio pendente do futuro da outra parte do persoal - e para a economía da comarca, onde supón un motor económico innegábel. Estamos a falar de 1.100 postos de traballo directos e outros tantos indirectos e xera unha terza parte do PIB da provincia de Lugo. A medida non afectaría en principio á planta de alúmina (300 empregos).

O elevado prezo da enerxía (que supón máis de 40% dos custos de produción da factoría) e a sobreprodución mundial de alumninio nun mercado paralizado polo coronavirus serían os motivos que a empresa argumenta para adoptar estas medidas.

A decisión é "a morte desta comarca", afirma o alcalde de Cervo, Alfonso Villares

A decisión era o que se temían desde hai tempo na Mariña. A xuntanza prodúcese tan só unhas semanas despois de que a multinacional anunciase que non ía reparar as cubas da fundición unha vez que estas chegaran á fin da súa vida útil, unha decisión que tivo un impacto inmediato na industria auxiliar da comarca.

Ao longo destas semanas, os traballadores amosáronse preocupados polo futuro da factoría e pola incidencia que esas medidas que está a barallar a empresa poidan ter no emprego e na actividade da planta. Tamén lembraban que seguen "sen resposta" do Ministerio de Industria ás solicitudes que lle trasladaron para convocar a mesa multifuncional de Alcoa San Cibrao. 

Alcoa comprou á Sociedade estatal de participacións industriais (Sepi) en 1998 varias plantas, entre elas as 2 galegas, pagando menos de 400 millóns de euros. Hai máis de 20 anos. Desde 1998 a 2011 a compañía gañou perto de 1.500 millóns de euros. E recibiu nunha década máis de 1.000 millóns de euros en axudas públicas.

Tarifa xusta

Durante estes meses sindicatos como a CIG protaonizaron unha campaña na que demandaban un marco tarifario estábel para un sector electrointensivo “en crise” en Galiza

Comentarios