O Agro reclama da Xunta medidas para mobilizar terras cara á produción de trigo

Os sindicatos piden ao Executivo galego un plan para mobilizar terras abandonadas e mesmo reconverter áreas de produción (Foto: Xunta da Galiza).
Os sindicatos agrarios advirten de que iniciativa estatal de mobilizar terras en barbeito non terá impacto no país

O Consello de Ministras e Ministros deu esta semana luz verde ao Plan de Resposta do Goberno español ás consecuencias económicas da crise, que incluía, entre outras medidas, cambios na xestión e uso da terra agraria para favorecer o cultivo de especies como o millo ou o xirasol, das que Ucraína e Rusia, os países en conflito, eran grandes exportadoras.

En concreto, o Executivo estatal aprobou unha norma que autoriza a utilización de zonas de barbeito para sementar cultivos ou aproveitamento para pastos, tal e como avanzou a pasada segunda feira o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Porén, como recoñecen a Nós Diario desde os sindicatos agrarios, esa medida terá "escaso" impacto na Galiza.

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG) explica que só en zonas como a comarca da Limia, con grandes extensións de terreo dedicadas a monocultivos, hai áreas de enfoque ecolóxico que se deixan a barbeito, mentres que no resto da Galiza esas áreas cóbrense con ribeiras ou outros elementos da configuración do propio territorio.

Medidas desde a Galiza

Para Vilalba, a Xunta debería estar a traballar en medidas desde e para a Galiza. "Sería ver que opcións temos de producir cereal, tanto para gando como para as persoas, con superficies que agora están abandonadas ou reconvertendo áreas", indica.

Neste senso, lembra que a de avanzar cara á soberanía alimentaria "non é unha demanda nova, pero vese con máis urxencia a día de hoxe", pola forte dependencia das exportacións.

Desde o SLG afirman que pediron "por activa e por pasiva" a Medio Rural a creación dun gabinete de crise, pero lamentan que, até a data, a Xunta ─que cifrou en 500.000 as hectáreas en desuso no país─ "non fixo nada". 

"Se neste momento non vén a necesidade de pór medidas novas enriba da mesa, é porque seguen como os músicos do Titanic, como se non pasara nada", criticou Vilalba. 

Febleza do modelo

Pola súa parte, o responsábel de Servizos Agrarios da Federación Rural Galega (Fruga), Gabriel López, destaca que levan anos dando a batalla sobre a necesidade de dar pé a potencialidade agraria e gandeira do país.

En especial, centra a súa aposta no trigo, un cultivo tradicional que se foi abandonando porque, "até o de agora, era moito mellor traer trigos de moita peor calidade doutras zonas do mundo que producilos aquí". 

Porén, as circunstancias da guerra e o encarecemento dos transportes "deixa en evidencia que o modelo era moi feble", apunta López, que avoga por "situar enriba da mesa un debate fundamental para saber como nos queremos alimentar". 

O que si, quixo deixar claro que as persoas produtoras "non foron as culpábeis" de comprar ese modelo que, segundo denuncia, a Administración vendía como algo "de futuro" e "prioritario" pero que, na realidade, "foille dando as costas ao territorio, facéndose cada vez máis dependente dos insumos que viñan de fóra en forma de pensos ou cereais". 

A tarefa agora, di, debería ser a de "reverter" ese modelo e adaptalo á realidade territorial.