O agro galego marca a súa propia ruta mobilizadora fronte ao español

Namentres en Madrid centos de agricultoras e gandeiras saen as rúas para defender prezos xustos polos seus produtos, desde Galiza as organizacións sindicais permanecen nunha tensa espera.
Protesta polo prezo dos produtos agrarios (Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera Protesta polo prezo dos produtos agrarios (Ricardo Rubio / Europa Press).

As protestas que están a levar a cabo as agricultoras e agricultores estes días por distintos puntos do territorio español non están a ter especial seguimento en Galiza, un feito que pode chamar a atención, xa que unha das principais reivindicacións das organizacións convocantes (COAG, Asaja e UPA) é a de acabar coas inmensas marxes que existen nos prezos entre produtoras e distribuidoras. O problema, é que os sindicatos galegos non se senten reflectidas no resto de demandas que fan desde estes colectivos. 

Neste senso, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), sinala en declaracións a Nós Diario que a situación dos prezos "é compartida", pero os momentos de forza "son diferentes". "Na Galiza fomos moi fortes no lácteo en 2015, pero non fomos secundados no Estado español", lembra. Agora, os tempos son distintos e as protestas teñen máis que cos produtos hortofrutícolas e co aceite, este último afectado pola sobreprodución e os aranceis dos Estados Unidos (EUA). 

Despois, apunta, "non hai unha táboa de condicións comúns que puideramos debater" e existen "intereses encontrados" en aspectos como a dinámica de negociación da PAC. Desde o Sindicato Labrego apostan en “modelos sociais de agricultura que vaia as persoas en activo”, xa que, ao contrario que en moitos outros territorios, Galiza ten máis cotizantes que beneficiaras da PAC. Por iso, considera unha "ironía" que Cayetano Martínez de Irujo se defina a si mesmo coma agricultor. 

Desde Fruga, o seu coordinador, Manuel da Cal, di que se non hai mobilizacións na Galiza é porque "somos uns adiantados". "Cando os outros estaban parados, nos xa nos mobilizábamos". Fala das mobilización que durante semanas sacaron aos tractoristas ás rúas das principais cidades galegas e que coincidiron no tempo coas marchas a Bruxelas para esixir prezos dignos para as produtoras de leite. Agora, o sector lácteo está "máis na dinámica de readaptación e de concentración de produtoras que na de defender os prezos".  Na súa opinión, detrás desta situación está o propio modelo capitalista, no que o produtor "é a parte máis feble, a que sempre paga o pato". É pois "unha situación irresolúbel inherente ao sistema" que só se podería mitigar dando máis forza aos sectores produtivos. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios