O administrador xudicial de Alu Ibérica solicita o preconcurso

A difícil sistuación financeira pola que atravesa Alu Ibérica leva o administrador xudicial a solicitar á xuíza o preconcurso.
Alu ibérica
photo_camera Alu ibérica. (Foto: Nós Diario)

Novo capítulo no drama que viven os traballadores e traballadoras das plantas de Alu Ibérica. O administrador xudicial que se encarga da xestión das mesmas mentres a xuíza María Tardón, da Audiencia Nacional, investiga a suposta despatrimonialización fraudulenta nas antigas plantas de Alcoa, vén de comunicar que solicitará o preconcurso para minimizar o impacto da difícil situación económica que atravesan as plantas, con numerosos avisos de embargo, e poder manter as fábricas de aluminio da Coruña e Avilés.

O anuncio do preconcurso, que agora terá que aprobar a xuíza,  abre de novo a porta a unha posíbel venda o liquidación das factorías de aluminio, nun momento no que o prezo da materia prima cotiza en máximos históricos, arredor dos 3.000 euros a tonelada.

Con todo, a solicitude non colle a ninguén por sorpresa. As plantas levan xa semanas paradas e cos traballadores e traballadoras nas súas casas. De feito, hai uns días o propio administrador xudicial deixaba entrever a posibilidade de presentar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para o cadro de persoal que aínda non se chegou a facer efectivo, aínda que podería ser o seguinte paso a dar por parte do administrador.

A situación económica da compañía é moi delicada "dada a cantidade de embargos e débedas que están a aparecer" e que, segundo apuntan desde o comité de empresa, "poñen en profundo risco a continuidade da planta". 

Implicación das Administracións

Namentres, os traballadores seguen a exixir as Administracións que deixen de lado as palabras e pasen aos feitos no que ese refire á busqueda dunha saída industrial para as plantas. 

Desde A Coruña, o comité de empresa emitiu un comunicado no que culpan da situación á "inacción e desidia" das Administracións, que "non tiveron a valentía de pararlle os pés a Alcoa no seu momento". 

Lembran que, pese a denunciar hai máis de dous ano "o engano e a estafa á que estabamos a ser sometidos por un acordo de ERE e venda das plantas", as Administracións avalaron e "practicamente apadriñaron" esta solución.

Por iso agora exixen aos representantes nas Administracións que "cumpran coas súas responsabilidades e as súas promesas", convoquen de urxencia a mesa polo futuro das plantas de Alu Ibérica ─incluíndo o Ministerio de Transición Ecolóxica e o Ministerio de Traballo─ e non deixen caer un sector estratéxico como é o da produción de aluminio.

Comentarios