O comité de Alu Ibérica denuncia os intentos de EDP de cortarlles a luz

Os traballadores de Alu Ibérica reclaman o Goberno español e á Xunta unha reunión "canto antes" para buscar unha saída que permita pór a planta da Coruña en marcha.
Furgón policial ás portas da factoría de Alu Ibérica na Coruña (M.Dylan / Europa Press).
photo_camera Furgón policial ás portas da factoría de Alu Ibérica na Coruña (Foto: M.Dylan / Europa Press).

A eléctrica EDP vén de notificar o administrador xudicial das plantas de Alu Ibérica que cortará a subministración de enerxía á factoría da Coruña se non se lle abonan as cantidades que deixou pendentes de pagamento o Grupo Riesgo. 

Como sinalan desde o comité de empresa nun comunicado, esta ameaza súmase á do pasado 23 de agosto, que lograron parar coa mediación das administracións. "De novo estase a tentar que EDP depoña a súa actitude pouco colaboradora ante a crítica situación en que deixou as plantas Grupo Riesgo, pero resístese", apuntan desde a representación do persoal. 

Esta actitude contrasta coa da distribuidora Naturgy, que "a pesar de que tamén ten falta de pagamentos dos anteriores xestores, está a ser moito máis comprensiva e socialmente responsábel que EDP", engaden.

"Desde sempre fomos moi críticos coas empresas enerxéticas porque para nós antepoñen un negocio escandaloso en marxes de beneficio ás necesidades da  poboación e ao desenvolvemento do país, esquecéndose de que a electricidade nos tempos nos que vivimos é unha necesidade vital para a vida das persoas", indican desde o comité, que recoñece que "seguramente EDP ten dereito á cobranza dun servizo, se o prestou, pero tamén ten a liberdade de ser unha empresa honesta e para nós non o é, pois até o de agora estivo moi calada aproveitándose da xestión dunha presunta trama criminal investigada pola   Audiencia Nacional e cobrando facturas por un contrato de potencia eléctrica desorbitado que nada tiña que ver coa produción da planta, pero si co interese desa trama en aparentar normalidade para mentres esnaquizarnos", denuncian. 

Esta falta de colaboración faise extensiva a "algunha entidade bancaria que non facilita información das contas das empresas", o que complica a labor do administrador xudicial que, como informaron, deu orde de pagar a extra de xullo "coa liquidez que foi atopando". 

Ante esta situación, volven instar á Xunta e ao Ministerio de Industria a que "tomen as rendas desta crítica situación" e, xunto co administrador xudicial e o comité de empresa, "busquen a maneira de pór a planta activa canto antes". 

Nesta liña, exixen ao Ministerio de Industria que convoque a reunión prevista para primeiros de setembro "canto antes".

Comentarios