martes 25/01/22

Acordo entre comité e dirección de Alcoa para suspender a folga e empezar a negociar a venda

De acordo co documento consensuado entre comité e dirección, pendente de firma, unha vez este sexa selado a empresa terá dúas semanas para remitir á SEPI unha proposta de termos xerais.
Traballador de Alcoa en San Cibrao (Cervo) nunha protesta.(Carlos castro/ Europa Press).
Traballador de Alcoa en San Cibrao nunha protesta.(Foto: Carlos Castro/ Europa Press).

O comité de empresa e a dirección de Alcoa chegaron a un acordo para que o primeiro suspenda a folga que mantén desde outubro e a segunda inicie a negociación da venda da fábrica de San Cibrao á sociedade estatal de participacións industriais (SEPI).

Dito pacto ao que chegaron ambas as partes após varias xornadas de reunións está pendente de sinatura no caso de que sexa ratificado en referendo polos traballadores, que están chamados a votar ao longo desta semana na factoría.

De acordo co documento consensuado entre comité e dirección, pendente de firma, unha vez este sexa selado a empresa terá dúas semanas para remitir á SEPI unha proposta de termos xerais ('termsheet').

De pecharse este acordo, a dirección "comprométese a negociar de boa fe coa SEPI e a manter a continuidade da produción do complexo" da Mariña.

Tamén "informará da evolución" das negociacións tanto ao comité como á Xunta e ao Ministerio de Industria nunha mesa multilateral que se convocará "unha vez ao mes".

Entre outros aspectos, Alcoa "parará soamente cubas en emerxencia" e "manterá un número de cubas activas por encima do límite técnico en ambas as series", ademais de non adoptar "ningunha nova medida extintiva de carácter colectivo".

Os representantes dos traballadores, pola súa banda, no caso de que este acordo chegue a bo porto se é aprobado en referendo, comprometerase a suspender a folga e "manter a paz social".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Acordo entre comité e dirección de Alcoa para suspender a folga e empezar a negociar a...
comentarios