Abanca volve de 'pesca' a Portugal para intentar incorporar ao seu negocio a rede española de Novo Banco

A entidade galega mantén a estratexia de gañar volume de negocio con novas adquisicións, como no caso da rede española de Novo Banco, para evitar ser comida.
Sede de Novo Banco en Lisboa (Foto: Novo Banco).
photo_camera Sede de Novo Banco en Lisboa (Foto: Novo Banco).

Din que non hai dúas sen tres, e parece que Abanca está en disposición de acometer a súa terceira operación corporativa no país veciño. Após a compra da rede de Deutsche Bank en Portugal e da integración da rede española de Banco Caixa Geral, a entidade presidida por Juan Carlos Escotet está a piques de incorporar tamén á súa rede as oficinas de Novo Banco no Estado español

Segundo fontes do sector, a entidade galega é a favorita para quedar coa filial española do banco portugués, en proceso de venda por parte do seu actual propietario, o fondo Lone Star, desde hai varios meses. 

Abanca supera así Haitong Bank, o banco chinés de investimentos que xa en 2015 adquirira a parte do negocio de Novo Banco vinculada ao mercado de capitais. 

A entidade galega, que durante a súa presentación de resultados xa anunciara que aínda estaba "en proceso de revisión e de considerar que [Novo Banco] cumpre cos requisitos", tamén ten como competidores Eurocaja Rural e Andbank, que só puxa polo negocio de banca dixital e banca privada da entidade lusa. 

De feito, Novo Banco ten que recorrer ao despece despois de que fracasara o intento de vender o grupo ao completo. Unha parte importante do negocio quedou en mans dunha empresa española, Trea AM, entidade especializada na xestión de fondos, que completou a finais do pasado ano a integración de Novo Banco Xestión, a xestora en España de Novo Banco. Esta operación quedara en suspenso en xullo ao pórse á venda a filial do grupo portugués no Estado español, que é pola que poxa Abanca.

Venda por partes 

Ese acordo de adquisición incluía todos os activos da xestora de Novo Banco en España en fondos de investimento, plans de pensións e sicav, cuxo valor estimado se sitúa en 600 millóns de euros, segundo informou esta terza feira nun comunicado.

A xestora adquirida por Trea AM ten un marcado acento galego, xa que Novo Banco fusionara nela dúas xestoras independentes Ges-BM e Gescapital, as que sumaría posteriormente por adquisición as xestoras de Banco Caixa Geral, Banco Investimento e do galego Banco Pastor. 

O negocio polo que compite agora Abanca, segundo a información distribuída por Deutsche Bank, entidade contratada por Novo Banco, representa unha carteira de créditos de 1.600 millóns e 1.900 millóns en depósitos. A rede española de Novo Banco conta ademais cunha clientela de 24.700 persoas repartida nunha rede de 10 oficinas con 180 empregados. A parte máis suculenta son as 640 persoas da súa clientela de banca privada ─con activos por máis dun millón de euros─ e as 5.900 de banca persoal ─entre 150.000 euros e 1.000.000─. 

Crecer e non ser comido

Abanca segue pois coa súa aposta de medrar en volume de negocio, ademais de ampliar presenza en territorios como Euskadi, onde vén de fechar a adquisición de Bankoa, Catalunya, Madrid, Aragón, Asturias, País Valenciá ou Andalucía, onde Novo Banco ten presenza comercial a través da súa rede de oficinas.

Novo Banco encaixa nesa estratexia centrada en integracións "que agreguen maior volume de negocio pero que permitan manter o modelo de negocio e gobernanza", como explicaba o propio Escotet hai uns días durante a presentación de resultados. "Non nos preocupa tanto o tamaño como a complementariedade e a verdadeira posibilidade de integrala e que sexan coherentes co modelo de negocio que demostrou ser exitoso e ben gobernado", expuxo entón o presidente da entidade galega.

Fontes do sector apuntan a que a resolución da adxudicación está próxima. De materializarse, Abanca gañaría algo máis de músculo para tratar de manter a súa independencia nun mercado chamado á concentración para cumprir cos requirimentos de capital que marcan desde Bruxelas. 

Atrás quedan operacións frustradas como a fusión con Liberbank ou a compra do luso Euro BIC, mais o apetito comprador de Abanca e o seu saneado balance poderían levala a acometer novas operacións deste tipo para medrar e, ao mesmo tempo, complicar a posibilidade de ser 'pescada'.

Comentarios