venres 07/05/21

Abanca gaña 160 millóns de euros en 2020

Os responsábeis da entidade bancaria din sentírense "especialmente orgullosos"
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Abanca / arquivo).
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Foto: Abanca)

Abanca obtivo no "especialmente complexo" 2020 un beneficio atribuído de 160 millóns de euros após dedicar 273 millóns a provisións, uns resultados dos que os seus responsábeis se senten "especialmente orgullosos".

Así o destacou o seu presidente, Juan Carlos Escotet, hoxe na presentación destes números, na que resaltou que a entidade incrementou a súa cobertura ao 81,2% nun exercicio que "puxo a proba" as súas capacidades, debido ao impacto da pandemia do coronavirus.

No contexto da crise sanitaria, a cuestións da prensa, Escotet desbotou "claramente" que o sector financeiro vaia a un escenario como o que terminou no seu rescate após a crise de 2008. "Esta situación difire da crise do ladrillo", opinou, en referencia a "os niveis de capital" e "de solvencia no seu conxunto por dotacións, por modelo de risco e por gobernanza". Todo iso, ao seu xuízo, "fala dun sistema bancario perfectamente preparado para enfrontar" os actuais retos.

No contexto da crise da Covid, a entidade formalizou o ano pasado operacións de financiamento con aval do ICO por importe de 3.128 millóns de euros (1.754 millóns para pemes e autónomos e 1.374 millóns para empresas). Estas formalizacións supuxeron o 19,3% do crédito total de Abanca a pemes e gran empresa.

Tamén chama a atención sobre medidas de moratorias de pagos por importe de 1.257 millóns de euros, dos cales 802 millóns corresponden a hipotecas e 455 a outras operacións de financiamento. "Isto supón que se apoiou ao 5,6% da carteira de hipotecas e ao 5,8% da carteira de préstamos ao consumo nestes momentos de dificultade", incide.

Tanto Escotet como o conselleiro delegado do banco, Francisco Botas, chamaron a atención na presentación de resultados sobre cifras como o incremento da súa cobertura ao 81,2%.

comentarios