Abanca culmina a compra da vasca Bankoa

A entidade financeira suma 30 oficinas e tres axencias de empresas con esta operación.
Reunión do Consello de Bankoa nesta nova etapa. (Foto: Abanca)
photo_camera Reunión do Consello de Bankoa nesta nova etapa. (Foto: Abanca)

Esta quinta feira transcendeu a finalización da compra da entidade financeira vasca Bankoa por parte de Abanca. A operación comezara no mes de xullo e co acordo a compañía suma 30 novas oficinas, así como tres axencias de empresas, con localización maioritaria en Euskadi. 

A transacción, que se fixo oficial co primeiro consello de Administración de Bankoa dentro de Grupo Abanca, implica tamén a chegada duns 40.000 clientes máis á carteira da compañía.

Deste forma, a empresa bancaria xa supera os 93.000 millóns de euros de volume de negocio. Logo de recibirse as autorizacións finais do Banco Central Europeo (BCE) e a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a compravenda da firma completouse hoxe coa sinatura da operación.

No encontro para asinar participaron o presidente e o conselleiro delegado de Abanca, Juan Carlos Escotet e Francisco Botas; por parte de Crédit Agricole Pyrénées Gascogne, o presidente, Marc Didier, o director xeral, Paul Carite, e o CFO, Fernando Villanueva; e por parte de Crédit Agricole S.A. (CASA), Francois Rameau, Senior Country Officer Iberia.

Fontes da entidade que preside Escotet explicaron que, "como proba da confianza" e arraigamento territorial da entidade vasca, de momento vaise manter o seu conselleiro delegado, Jesús Suárez, e os sete conselleiros externos.

Con esta operación, o grupo fortalece a súa rede na cornixa cantábrica, á vez que reforza segmentos de negocio como empresas e xestión de patrimonios. Achega potencial de crecemento en liñas como circulante, negocios, consumo e seguros.

Segundo comentan as mesmas fontes, con esta operación, baseada "en activos de calidade", ábrense "amplas posibilidades de desenvolvemento".

Comentarios