Abanca vén de declarar uns beneficios de 401,9 millóns de euros. Os números, divulgados esta semana, destacan a fortaleza da entidade en relación con Liberbank e Unicaja, cuxas ganancias situáronse, respectivamente, en 96 e 159 millóns. Porén, a diferenza de resultados, non é consecuencia da lóxica bancaria ordinaria senón da adquisición , por parte do grupo de Escotet, do negocio retallista do Deustche Bank en Portugal e da Caixa Geral no Estado español.
A entidade financeira, con sé social en Betanzos, significou, tamén, os seus requisitos de solvencia. Abanca declarou un exceso de capital de 1.326 millóns de euros sobre o fixado no CET1, o estándar seguido polo BCE, o que lle permitiría, tecnicamente, mercar Liberbank e Unicaja, os dous bancos nos que estaría interesado Escotet, cun valor en bolsa de 873 e 1306 millóns respectivamente.
Escotet aposta por “novos procesos de integración”
A equipa directiva de Abanca non ten dúbidas. A pasada semana, o máximo accionista da entidade, o banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet, nunhas declaracións recollidas polo diario ABC, recoñecía que “no actual escenario económico e monetario fanse necesarios novos procesos de integración”, confirmaba que “non hai outro camiño” e expresaba a vontade da entidade de “medrar a través de novas compras”.
A continuidade en solitario de Abanca , na opinión dos directivos do grupo, depende da capacidade para aumentar o seu tamaño mediante operacións corporativos. Nesta lóxica, explicase a compra en marzo de 2018 da filial portuguesa do Deustche Bank e, a finais dese ano, de toda a rede no Estado da Caixa Geral de Depósitos, aumentando o seu volume de negocio en 13.487 millóns.
O grupo de capital venezuelano fracasou, meses máis tarde, na súa intención por facerse con Liberbank, a entidade de crédito xurdida da fusión das antigas caixas de Asturias, Cantabria, Castela A Mancha e Estremadura, diante da negativa á operación da equipa directiva, de membros do núcleo duro do accionariado, do regulador europeo e a grande banca, desconformes co proposta e a operativa de Abanca.
A supervivencia da banca mediana en risco
A necesidade de crecemento de Abanca explicase no escenario dun novo proceso de reestruturación do sistema financeiro europeo, derivado da crítica saúde das corporacións bancarias e das dificultades que deberan enfrontar como consecuencia dunha conxuntura económica que se anuncia adversa. Nese sentido, a comisión europea, o BCE e as axencias cualificadoras, están esixindo a fusión das entidades de crédito medianas.
Sen ir máis lonxe, Standard & Poor's, no seu informe de 2018, defendía a necesidade da fusións das entidades por baixo de 50.000 millóns de activos, isto é Unicaja, Ibercaja, Kutxabank, Abanca, Liberbank, Cajamar e Caja Laboral, apuntando que “malia a tratarse de boas franquías locais, os gastos fixos e recorrentes en tecnoloxía, así como as esixencias de capital e de instrumentos financeiros capaces de absorber perdas, dificultaralles a supervivencia a medio prazo”.
A práctica totalidade do sistema financeiro do Estado entraría nesta nova onda de fusións. As fontes do sector sinalan que o conxunto das entidades de crédito, agás o BBVA e o Banco Santander, pola seu grao de internacionalización, estarían buscando socios, sinalándose as posíbeis alianzas entre Bankia e Sabadell, Unicaja e Ibercaja ou Abanca e Liberbank.
A fusión de Abanca e Liberbank non convence ao BCE
O acordo con Liberbank é a opción preferida pola dirección de Abanca. Ao seu favor xogarían as potencialidades dunha nova entidade que se situaría como a sexta do Estado, con mais de oito mil cincocentos traballadores, sen practicamente solapamento territorial e complementaria na liña de negocio.
A proposta do grupo de Escotet segue sen convencer ao Banco central europeo. As razóns desta oposición atoparíanse no interese dalgún dos grandes bancos, concretamente o BBVA ou La Caixa, por facerse con Abanca, unha vez que o Santander se fixo cunha posición de dominio na Galiza, tras a absorción do Banco Popular, propietario do Pastor.
As reservas do regulador estatal e europeo diante desta operación son coñecidos. O Banco Santander, nun recente informe onde analiza a operación, considera a “Abanca como o comprador máis obvio de Liberbank. A pregunta é se os accionistas de control do banco teñen ou non a suficiente destreza financeira para presentar unha oferta que conte coa bendición do regulador”.
Un novo proceso de concentración de capitais
Os próximos meses asistiremos a un proceso de fusións bancarias ,impulsado e dirixido polos grandes operadores financeiros internacionais, semellante no seu alcance ao que se viviu após a última crise e que afondará na lóxica do proceso de concentración de capitais.