Abanca ultima a compra de EuroBic por 210 millóns de euros

A entidade presidida por Juan Carlos Escotet está á espera do que decidan as autoridades de Angola para fechar unha nova adquisición en Portugal.
A búsqueda de comprador para EuroBic podería deixar en suspenso a venda a Abanca da rede española de Novo Banco (Imaxe: EuroBic).
photo_camera A búsqueda de comprador para EuroBic podería deixar en suspenso a venda a Abanca da rede española de Novo Banco (Imaxe: EuroBic).

En febreiro de 2020, Abanca chegara a anunciar a compra de 95% do banco portugués EuroBic, porén a operación non chegou a materializarse por discrepancias coa primeira accionista, Isabel dos Santos.

Agora, a entidade que preside Juan Carlos Escotet está a só un chanzo de conseguir fraguar unha operación que se lle resiste desde entón e que permitirá a entidade galega gañar mercado no país veciño e seguir medrando na Península Ibérica. 

Segundo avanzou esta fin de semana o Jornal Económico portugués, Abanca tería ofrecido 210 millóns de euros por EuroBic, unha cantidade que contaría coa aceptación dos dos principais accionistas, a propia Dos Santos, con 42,5% do capital, e Fernando Teles, con 37,5%.

Porén, para fechar a operación é preciso o visto e prace das autoridades de Angola polo embargo que sofre a empresaria, filla do ex presidente da república africana, pola súa implicación na trama de branqueo destapada polos Luanda Leaks.

Medrando en Portugal

De materializarse, EuroBic pasaría a converterse na sétima adquisición de Abanca nos últimos anos. O banco luso ten ten unha cota de mercado en créditos e depósitos próxima a 2% en Portugal, unhas 184 sucursais, un cadro de persoal formado por 1.400 persoas e uns 257.000 clientes.

Durante a presentación de resultados de 2021, o propio Escotet xa se pronunciara a este respecto. Daquela recoñecera que Portugal estaba "no punto de mira· de Abanca.

 "Para nós ten unha importancia relevante. Cremos que é un mercado que vén crecendo ben" indicara Escotet ao ser preguntado por posíbeis operacións de compra, ás que a entidade galega segue "aberta e moi atenta". 

Comentarios