Abanca negocia a venda de Nova Pescanova a un grupo canadense

Sede de Nova Pescanova, en Redondela. (Foto: Europa Press)
A Xunta valora positivamente a posíbel operación.

Abanca chegou a un acordo para entrar nunha fase de negociacións exclusivas co grupo canadense Cooke para a venda de 80% da participación total do banco en Nova Pescanova, segundo informou a entidade financeira nun comunicado.

Abanca fíxose co control da práctica totalidade de Nova Pescanova hai dous anos, cando capitalizou débeda por valor de 542 millóns de euros e superou 97% do seu capital social.

O obxectivo de Abanca é manter unha valoración a futuro de Nova Pescanova na contorna dos 800 millóns de euros. Con todo, aínda non se pode coñecer o que finalmente ingresará a entidade pola operación, ao non  ter concluído a negociación.

Crise e nova constitución

A raíz da crise financeira que estalou en 2008, Manuel Fernández de Sousa-Faro, que era daquela presidente da empresa galega, planificou seguir obtendo financiamento a través dunha serie de mecanismos ou prácticas irregulares que remataron levándoo á cadea.

As accións fraudulentas de Fernández da Sousa e os seus colaboradores conduciron á que foi a maior quebra financeira do Estado español fóra do sector inmobiliario. A caída da"empresa insignia" da Galiza supuxo a perda de 3.600 millóns de euros e a compañía ficou entón en mans de Abanca como accionista maioritario, fundando no ano 2015 o Grupo Nova Pescanova.

Agora, as novas negociacións que Abanca desenvolve co grupo canadense Cooke poderían derivar en que unha das máis importantes empresas na historia da Galiza remate definitivamente en mans estranxeiras.

Porén, o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, á espera de coñecer "aspectos concretos", valorou esta quinta feira positivamente a operación, xa que espera, afirmou, que poida servir para "trazar un futuro" a unha empresa "referente" no ámbito industrial da Galiza.