É tempada de rebaixas, pero os bancos miran para o seu negocio. Proba diso é a modificación das condicións dalgún dos seus produtos que prepara Abanca, a entidade que domina o mercado financeiro galego. Segundo está a comunicar o banco ás súas clientas, o programa 'Cero Comisións', que exime do pago de comisións ás persoas que cumpran determinados requisitos, vai mudar esas condicións o vindeiro 1 de marzo de 2020, co que moitas das clientas poderían quedar fóra do programa e verse obrigadas a pagar comisións, como por exemplo os 50 euros ao semestre que supón ter aberta unha conta na entidade sen dereito aos beneficios deste programa.
A principal modificación afecta a aquelas persoas que teñen unha conta aberta sen cartilla e operan unicamente a través de internet. Son as que pertencen á modalidade 'Estándar', que desaparecerá no novo programa e, polo tanto, pasarán a pagar tanto por operar coa entidade, como polo emprego das súas tarxetas de débito e crédito, polas transferencias ou polo cobro de cheques, entre outras cuestións. O incremento para unha clienta que teña conta e dúas tarxetas pode supoñer un desembolso de arredor de 200 euros ao ano. Os menores de 30 anos manterán os seus actuais beneficios.
O novo programa 'Cero Comisións' quedará configurado en tres categorías. A de menores de 16 anos, a de mozas entre 16 e 29 e a categoría Premium, á que terán acceso as clientas que teñan domiciliada nómina ou pensión e teñan un saldo medio mensual por titular en produtos de aforro de Abanca por importe igual ou superior a 500 euros. A maiores deberán cumprir cun requisito asociado á contratación de seguros, o saldo medio en produtos de aforro ou o uso das tarxetas.