O proceso de concentración financeira volve á Galiza

Abanca, no foco de posíbeis fusións bancarias

A segunda volta do proceso de concentración bancaria comezada após a crise de 2008 xa está aquí. Mentres Caixabank e Bankia formalizan a súa fusión, o BCE empuxa o resto das entidades a continuar ese camiño. Malia que os responsábeis de Abanca, convertida onte mesmo na sexta entidade do Estado, amosan a súa vontade de continuar en solitario, o primeiro operador bancario da Galiza aparece en moitas quinielas como candidato a ser absorbido. Madrid e Frankfurt teñen a última palabra sobre o futuro do sistema financeiro galego.
EuropaPress_3315506_hombre_pasa_lado_sucursal_abanca_madrid_espana_10_septiembre_2020_abanca
photo_camera Una oficina de Abanca na Galiza. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

As liñas mestras do actual proceso de concentración bancaria están fixadas desde hai unha década. O deseño acordado polo Banco de España, seguindo as orientacións do Banco Central Europeo (BCE) e validado por José Luis Rodríguez Zapatero e por Mariano Raxoi apostaba por reducir a oferta financeira do Estado a tres grupos, no marco dun proceso de bancarización que puxo remate ao modelo das caixas. Nesta liña, o futuro do sistema financeiro pasaba por un gran banco articulado arredor do Santander, outro conformado ao redor do BBVA e un terceiro nucleado ao redor de La Caixa.

O acordo de fusión entre Bankia e La Caixa responde a esa orientación. Malia que a situación política en Catalunya e a acentuación da crise económica como consecuencia da pandemia acelerou o proceso, a operación era previsíbel e non causou ningunha sorpresa nos medios financeiros. Estas dúas entidades xa tiñan estudada a súa unión a comezos da década pasada, nunhas negociación dirixidas polos seus máximos responsábeis de entón, Rodrigo Rato e Isidro Fainé, que finalmente non se fecharon pola negativa da entidade madrileña a ceder o control do novo banco ao grupo catalán. 

A decisión de Bankia e La Caixa activa unha nova vaga no proceso de concentración bancaria, colocando no foco o conxunto da banca mediada. Ao tempo, estas entidades xa foran requiridas nos últimos anos polas autoridades comunitarias para que avanzasen nas fusións. Nesta liña, no seu informe de 2018, Standard & Poor's defendeu a necesidade das fusións das entidades por baixo de 50.000 millóns de euros de activos, sinalando explicitamente a Unicaja, Ibercaja, Kutxabank, Abanca, Liberbank, Cajamar e Caja Laboral e apuntando que “malia tratarse de boas franquías locais, os gastos fixos e recorrentes en tecnoloxía, así como as esixencias de capital e de instrumentos financeiros capaces de absorber perdas, dificultaralles a supervivencia a medio prazo”.

As parellas de Abanca

Abanca aparece como parceiro en diferentes operacións de fusión. Segundo recollen diversos medios de prensa españois, entre eles o xornal ABC, o Banco Sabadell, unha das entidades financeiras cunha situación económica máis comprometida e cuxas contas preocupan de maneira especial ao regulador estatal e europeo, tería tentado a entidade galega para un acordo. Ao tempo, o grupo aragonés Ibercaja, cun tamaño algo inferior a Abanca, non agocha o seu interese polo banco galego e recoñece ter achegado algunha proposta para a adquisición da mesma. Tamén, Caixabank continúa cos ollos postos no mercado galego e agarda quitarse nalgún momento a espiña cravada tras perder fronte a Juan Carlos Escotet a poxa pola compra de NovaGalicia Banco.

Abanca aspira a seguir medrando con operacións no norte do Estado e Portugal

Os directivos de Abanca insisten en que a entidade non está en venda e apostan en continuar en solitario. As fontes do grupo consultadas por Nós Diario non desmenten os contactos con Ibercaja pero negan a posibilidade dunha operación corporativa que supoña a absorción do banco galego e o traslado da sede fóra do país. “A base do éxito do noso modelo de negocio está na ligazón co territorio, na percepción que ten a xente de Abanca como un grupo financeiro de aquí e así imos seguir, porque temos marxe para facelo”, afirman, mentres destacan a fortaleza económica do grupo e as súas ratios de capital, que “nos sitúan na franxa alta do sector”.

Abanca presume de solvencia e de liquidez. Neste sentido, as contas do banco para o primeiro semestre de 2020 presentan un exceso de capital sobre os requirimentos oficiais de 1.100 millóns de euros e unha liquidez de 15.084 millóns de euros, 9.654 millóns dos cales teñen a ver con activos que pode converter a curto prazo en efectivo. Ao tempo, a entidade declara para ese mesmo período uns beneficios de 133 millóns de euros, malia destinar a provisións 166 millóns de euros, e destaca unha taxa de morosidade de 2,7%, dous puntos por baixa da media do sector no Estado.

Se queres continuar coa lectura desta reportaxe, podes atopala no Nós Diario que está á venda esta cuarta feira nos quiosques. Tamén tes a posibilidade de completar a información, da que publicamos un extracto, na nosa loxa online. Subscríbete xa ao xornal e terás todas as novas de maneira máis cómoda.

Comentarios