luns 01/03/21

Ábalos, di estar disposto a acabar co 'agravio' das peaxes da AP-9

O ministro de Transporte confirma a conclusión das obras do AVE entre Galiza e Madrid para finais de 2021.
O ministro de Transportes, José Luis Ábalos
O ministro de Transportes, José Luis Ábalos

O ministro de Transportes, José Luis Ábalos, recolleu o envite lanzado esta fin de semana polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen lembrou ao Executivo español que o seu apoio aos Orzamentos de 2021 viría condicionado polo cumprimento do acordo de investidura, que entre outras cuestións incluía a transferencia da AP-9 e supresión e bonificación das peaxes, que foron as que máis aumentaron o seu prezo no presente exercicio de todo o Estado español.

Durante a rolda de prensa ofrecida en Zamora após percorrer un novo treito do trazado da alta velocidade entre Madrid e a Galiza, o ministro anunciou "un impulso investidor" no corredor atlántico equiparábel ao ideado para o Leste peninsular. "Este Goberno non está por crear máis focos de conflito entre territorios e por iso decidimos apoiar ambos os corredores co mesmo peso orzamentario", indicou Ábalos. 

Nesta liña, defendeu que o Executivo quere "atender as necesidades reais dos territorios", e por iso decidiu "priorizar este eixo atlántico do mesmo xeito que se fará co mediterráneo". Tamén anunciou unha mellora das conexións ferroviarias e por estrada en diferentes cidades do tres territorios que abrangue o corredor atlántico (Galiza, Asturias e Castela e León), así como a "eliminación do agravio que moitos galegos sofren coas peaxes da AP-9".

AVE a Madrid

Por outra banda, o ministro aproveitou para destacar que coa entrada en servizo hoxe do novo treito entre Pedralba de la Pradería e Zamora "todas as cidades da Galiza vanse beneficiar dun aforro de tempo, e Lugo e Pontevedra, especialmente" aseverou Ábalos, quen incidiu en que o servizo ferroviario experimentará un "cambio substancial a mellor" que continuará "neste camiño coas melloras adicionais" nas que se está traballando.

Refírese, por exemplo, á entrada en funcionamento do sistema de seguridade ERTMS nivel 2 entre as localidades de Olmedo (Valladolid) e Zamora, que  suporá un aforro próximo aos trinta minutos para a conexión entre Madrid e Zamora, aínda que iso aínda non se reflicte nos itinerarios de Renfe.

Respecto á chegada da alta velocidade a Galiza, o ministro mantén a data de finais de 2021 para a conclusión da liña.

comentarios