As empresas madrileñas copan a obra pública estatal na Galiza

As principais obras de infraestruturas na Galiza execútanas empresas foráneas. A isto contribúe que as construtoras madrileñas sexan as principais beneficiarias nas adxudicacións do Goberno do Estado. Na mesma liña, unha parte importante das obras licitadas pola Xunta non recaen en compañías galegas.

río_Ulla2
photo_camera Viaduto do AVE sobre o río Ulla no tramo que comunica Compostela con Ourense.(Foto: Nós Diario)

O investimento estatal en infraestruturas supera á do Goberno galego neste primeiro cuadrimestre de 2022. Segundo os datos achegados pola patronal das grandes construtoras, a Asociación de Empresas Construtoras e Concesionarias de Infraestruturas (Seopan), as adxudicacións da Administración do Estado na Galiza, entre xaneiro e abril de 2022, sumaron 550 millóns de euros. Pola súa parte, as contratacións do Goberno galego situáronse en 196 millóns de euros, aproximadamente 17% menos que no mesmo período do pasado exercicio.

Tramos da A-54

As grandes infraestruturas actualmente en construción na Galiza están promovidas polo Estado. Neste sentido, destacan os dous tramos en obras da A-54, a autovía que une Santiago de Compostela con Lugo, cuxa apertura está prevista para 2023 e 2024. Un deles é o treito de 11,7 quilómetros entre Palas de Rei a Melide, adxudicado en outubro de 2017 por 86,8 millóns de euros á empresa Acciona, compañía con sede social en Madrid e propiedade da familia Entrecanales. O outro, de Arzúa a Melide, contratado en 2018 por 88,5 millóns de euros, está sendo executado por Sando e Copisa, unha e outra sociedade con domicilio fiscal na capital do Estado.

Obras do AVE

As empresas madrileñas son tamén as grandes beneficiadas nas obras da alta velocidade ferroviaria na Galiza. Sen ir máis lonxe, a semana pasada deron comezo os traballos nos tramos ourensán de Taboadela ao Túnel de Rante e do Túnel de Rante a Seixalbo, adxudicados polo xestor ferroviario Adif en xaneiro de 2021 a Sando e á valenciana Rover Infraestruturas por 83,4 millóns de euros.

A historia repítese coas empresas foráneas na practica totalidade da alta velocidade galega.

A tendencia destes últimos exercicios está na liña tradicional das adxudicacións públicas estatais na Galiza, onde as compañías galegas son relegadas na maioría dos casos ao papel de subcontratista. Segundo un estudo elaborado pola Federación Galega da Construción, entidade integrada na Confederación de Empresarios da Galiza, entre 2005 e 2014 só aparece unha empresa con sede social na Galiza entre as 10 primeiras compañías adxudicatarias de obra pública do Estado no país.

Florentino Pérez

A construtora máis favorecida polos contratos do Estado na Galiza no período de 2005 a 2014 foi Dragados. A compañía, propiedade de Florentino Pérez desde 2002 e integrada en ACS, facturou por obras executadas no país 551,37 millóns de euros, que representou 7,82% do adxudicado.

A continuación situouse Acciona, con 531,53 millóns de euros; outra das sociedades sinaladas por Luis Bárcenas como doante do PP galego. FCC, construtora da ponte da A-6 recentemente sinistrada, ocupou o terceiro lugar no "podio", cunha facturación de 494,8 millóns de euros.

Comentarios