19 dos 20 concellos galegos con máis eólicos perderon poboación durante os últimos 10 anos
Dous terzos das 125 localidades galegas que contan con algún eólico no seu territorio, é dicir, 66% das mesmas, teñen unha poboación de menos de 3.000 habitantes, mentres que 18% destas teñen entre 3.000 e 5.000 habitantes, polo que 84% destes 125 concellos non supera as 5.000 persoas censadas, uns datos que certifican a tendencia de cara á despoboación que experimentan os municipios con implantación da enerxía eólica.
Así o recolle a estatística da investigadora do grupo de Análise Territorial da Facultade de Xeografía e Historia Universidade de Santiago de Compostela (USC) Maricarmen Tapia-Gómez, a partir dos datos da Xunta da Galiza e do Instituto Nacional de Estatística (INE), no artigo 'Planificación territorial, novos desafíos fronte á enerxía eólica. O Caso da Galiza', publicado na revista colombiana Bitácora Urbano Territorial.
Maricarmen Tapia-Gómez, investigadora: "Actualmente proponse un modelo de grande escala de produción con xestión e beneficio privados"
Concellos con máis eólicos
Ademais, segundo tamén sinala o estudo, 125 municipios galegos (40% dos 313 concellos da Galiza) teñen presenza da enerxía eólica no seu territorio. Entre todos estes, Muras (A Terra Chá), con 381 aeroxeradores; Abadín (A Terra Chá), con 200; Ourol (A Mariña), con 162; As Pontes (Eume), con 139; Vilalba (A Terra Chá), con 129; Mazaricos (Xallas), con 124; O Valadouro (A Mariña), con 120; Dumbría (comarca de Fisterra), con 114, Ortigueira (Ortegal), con 114, e Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes), con 106, son os 10 concellos galegos que máis muíños eólicos teñen no seu territorio, todos eles con máis dun cento.
Na Fonsagrada hai 70 aeroxeradores e o censo minguou 19,5% en 10 anos
A estas localidades ségueas O Vicedo (A Mariña), con 88 muíños eólicos no termo municipal; As Somozas (Ferrolterra), con 87; Lalín (O Deza), con 80; Vimianzo (Terra de Soneira), con 74; Mañón (Ortegal), con 71; Cedeira (Ferrolterra), con 70; A Fonsagrada (comarca homónima), con 70; A Caniza (A Paradanta), con 62; Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense), con 53, e A Lama (comarca de Pontevedra), con 52, todas estas con máis de medio cento. Das 20 localidades nomeadas, 19 perderon poboación durante a última década –entre 2014 e 2023–, segundo as últimas cifras oficiais dispoñíbeis no INE, coa única excepción de Lalín, que gañou un total de 124 habitantes (+0,6%) neste período.
"Falta de planificación"
Neste escenario, explica Tapia-Gómez, "desde os movementos cidadáns deféndese a necesidade dunha transición cara ao uso de enerxías renovábeis". Con todo, di, "critícase o modelo actual de implementación, marcado por unha macroescala e pola falta de planificación, o que ten efectos negativos sobre as comunidades e os territorios, e, por tanto, cuestionase a súa sostibilidade, propoñendo modelos de menor escala e de participación comunitaria na produción, na xestión e nos beneficios das enerxías renovábeis".
"Aínda que desde os poderes públicos foise incorporando a participación de comunidades enerxéticas como parte das medidas contra o cambio climático, estas son mínimas aínda respecto á magnitude da produción e da xestión privada dos recursos renovábeis", acrecenta a autora.
Desta maneira, afonda a investigadora, "resulta de grande interese extrapolar a experiencia das comunidades enerxéticas a un modelo de organización espacial que asegure a autonomía dos asentamentos cun menor consumo e impacto ambiental".
Prevalencia do privado
O modelo de implementación da enerxía eólica, salienta Tapia-Gómez, "lévanos a unha das características de fondo do conflito, que é a colisión entre a prevalencia do interese privado ou do público". Esta discusión, afirma, "transcende o xurídico e expón o conflito entre o uso e o beneficio, tanto dos recursos presentes no territorio como dos investimentos públicos para a produción de enerxías renovábeis". Por unha parte, di, "actualmente proponse un modelo de grande escala de produción con xestión e beneficio privados dentro dun marco de mercado". Mentres que a cidadanía, sinala, aposta por "un modelo de produción de pequena escala, con xestión e beneficios colectivos". A posta en cuestión da escala de produción a partir de macroparques eólicos baséase na evidencia dos impactos económicos, sociais e ambientais que están a producir ou que producirían, asevera.
"Os anteriores argumentos, desde a perspectiva da capacidade da cidadanía de formar parte do metabolismo social, tratan dunha posta en cuestión da lexitimidade das decisións e da utilidade pública ou do interese público superior destes proxectos", afonda a autora. En relación coas variábeis propias deste conflito na Galiza, engade, "débense considerar cuestións de fondo relacionadas co modelo de produción e o modelo de consumo actual". A nivel galego, di, "alégase que a transición enerxética está a buscar un modo alternativo de explotación de recursos renovábeis, mais que non se está atendendo á necesidade de crear as condicións para un menor consumo e aforro de enerxía". Como forma alternativa, conclúe, "proponse unha redistribución do uso do recurso a través dunha xeración distribuída a pequena escala e cunha xestión e uso colectivo".
As alegacións "mostran o incumprimento da normativa"
A instalación de infraestruturas eólicas na Galiza, segundo as demandas da cidadanía, explica Maricarmen Tapia-Gómez, "está a transformar o territorio e causando impactos negativos, o que exixe unha revisión a partir da planificación territorial". Neste sentido, engade a investigadora, as alegacións dos anos 2021, 2022 e 2023 revisadas "mostran o incumprimento da lexislación e as directrices da Unión Europea relativas á conservación dos espazos naturais e do patrimonio natural, cultural e paisaxístico". Ademais, sinala, "a magnitude do movemento cidadán ao redor deste conflito socioambiental desvela as insuficiencias nos instrumentos para responder as demandas cidadás por diversas causas".
Falta de participación e proxectos fragmentados
Tapia-Gómez resalta que os proxectos non son avaliados de forma conxunta
Un segundo aspecto da crítica "céntrase na falta de participación cidadá na toma de decisións sobre proxectos eólicos na Galiza, que actualmente está moi limitada ao período de exposición pública". Finalmente, destaca a autora, un terceiro elemento "relaciónase coa fragmentación, dado que se presentan e avalían os parques eólicos individualmente, sen avaliar o seu efecto acumulativo".

