1.800 millóns de euros en vendas en 2030, diversificar os produtos e unha nova fábrica: as próximas metas de Estrella Galicia

Hijos de Rivera segue a crecer e faino coa vista posta xa no ano 2030, cando confía en alcanzar os 1.800 millóns de euros en ingresos, o dobre que no pasado exercicio. Para iso conta cunha nova fábrica de cervexa en Arteixo da que xa saíron os primeiros 'botellíns' e que se inaugurará nun acto oficial o 19 de xuño.
Presentación de resultados de Hijos de Rivera, este 3 de xuño. (Foto: Hijos de Rivera)
O presidente executivo de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, este 3 de xuño. (Foto: Hijos de Rivera)

A Corporación Hijos de Rivera, que desde 1906 fabrica a cervexa Estrella Galicia, aumentou o pasado ano a súa cifra de negocio até os 886 millóns de euros (+6,9%) malia fechar o exercicio cun descenso de 11,2% –a respecto de 2023– dos beneficios despois de impostos, que alcanzaron os 95 millóns. Unha circunstancia que se explica pola aposta da compañía na súa nova fábrica –a segunda– no polígono de Morás, en Arteixo (comarca da Coruña), na que investiu arredor de 400 millóns de euros co obxectivo de fornecer o produto necesario para afianzar a súa expansión internacional. A nova factoría, da que xa saíron os primeiros litros de cervexa, inaugurarase de forma oficial o vindeiro 19 de xuño e espérase que poida chegar a duplicar a produción da actual.

Unha fábrica "de futuro" para "unha nova empresa", tal e como a definiu esta terza feira o presidente executivo de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera –nunha rolda de prensa decorrida no Museo MEGA da Coruña–, e que reportaría un aforro millonario no caso de se construír noutro lugar do Estado español, dixo Rivera. "Pero quixemos quedar aquí, porque nos sentimos moi galegos, levamos Galicia no nome e queremos impactar positivamente na nosa terra", afirmou, remarcando a súa aposta nas orixes e a tradición cervexeira da súa familia: "Nós poderiamos estar facendo hoxe o dobre de cervexa se acelerásemos os procesos, mais a nosa cociña é diferente, a fogo lento. Sentímonos artesáns".

O negocio de augas comercializou en 2024 un total de 237 millóns de litros a través de catro marcas: Cabreiroá, Auga de Cuevas, Fontarel e AUARA (+3%).

Aliás, ao feche de 2024 a compañía tiña en nómina 2.044 persoas, 13% máis que no ano anterior, con 90% de contratos indefinidos.

Expansión internacional

O pasado ano Hijos de Rivera reforzou a súa actividade en mercados internacionais coa posta en marcha dunha filial no Reino Unido –Estrella Galicia UK Limited– e xa conta con dez arredor do globo. Ademais, o seu produto estrela, do que ao longo de 2024 vendeu 544 millóns de litros (+4,6%), distribúese en 75 países. É o cuarto operador do Estado español e un dos principais obxectivos é seguir crecendo e gañando posicións neste mercado, mais tamén seguir ollando cara ao resto do mundo, nomeadamente á Unión Europea e mais a América do Sur, se ben hoxe no contexto internacional é aínda "unha formiguiña", admitiu Ignacio Rivera. As vendas no exterior do Estado español supoñen aproximadamente 10% do total e o obxectivo neste eido é que cheguen a representar un terzo da facturación.

No Brasil, onde xa dispón dunha filial, barállase a posibilidade de abrir unha nova fábrica que implicaría un investimento duns 200 millóns de euros, se ben o dirixente da compañía asegurou esta terza feira que "aínda non estamos no momento oportuno" dada a incerteza que paira sobre o acordo comercial entre a UE e Mercosur, que "abriría moitas posibilidades" á hora de expandir a marca. De saír adiante, porén, a factoría brasileira tampouco sería unha prioridade dispondo das plantas actuais na Galiza.

Un plan estratéxico a cinco anos vista

O crecemento de Estrella Galicia foi constante nos últimos tempos, e a principal meta é seguir rompendo teitos. "Cando eu empecei na compañía o noso obxectivo era chegarmos ao sur... da Galiza", apuntou Ignacio Rivera. Desde entón, e mantendo a máxima de "crecer sen mudar a filosofía", a cifra de facturación foise duplicando "practicamente cada cinco anos".

É por iso que mantén a ambición e traballa nun plan estratéxico que permita dobrar de novo os ingresos no próximo lustro, o que implicaría achegarse aos 1.800 millóns de euros en 2030. "Queremos ser a big craft global máis amada xerando impacto positivo na xente. Buscamos seguir crecendo desde unha esencia artesanal e coruñesa", subliñou o presidente executivo da corporación.

Os fitos que se marcaron para o período de 2022 a 2024 cumpríronse, elevando en 45,2% as vendas totais, incrementando o persoal empregado en 41,2% e duplicando os investimentos a respecto das tres anteriores anualidades, até os 496,4 millóns de euros. “Estes fitos reflicten o espírito de crecemento e de expansión da compañía", insistiu.

2024 foi tamén o ano da adhesión da compañía ao movemento B Corp, que apoia o cumprimento dos máis altos estándares de impacto social e ambiental e acredita a sostibilidade das empresas. "Orixe e comunidade; planeta resistente; persoas transcendentes; aliados responsables, e gobernanza esencial son os alicerces que sustentan a estratexia de impacto positivo' da empresa, dixo Rivera.

Diversificación da oferta de produtos

Unha das cuestións nas que máis énfase fixo esta terza feira Ignacio Rivera foi na necesidade de diversificar a gama de produtos, cuxo buque insignia é Estrella Galicia pero na que se atopan tamén outras marcas como 1906, Red Vintage ou as cervexas sen alcol. A elas incorporouse en 2024 Lupia, unha cervexa de colleita propia de lúpulo que busca crear unha nova categoría no sector e apostar na "repercusión positiva" sobre a contorna. "Seguimos desenvolvendo ese cultivo", afirmou Rivera. O pasado ano esta marca reportoulle uns ingresos próximos aos 1,5 millóns de euros que confía en duplicar ao termo do presente exercicio. Nesta meta da diversificación do negocio de Hijos de Rivera tamén se atopan outros fitos como o investimento –ou adquisición– de novas compañías, os negocios da auga, o viño e a kombucha ou o da distribución.

Comentarios