Xornada negra para a representación galega na elite do básquet Estatal

Caen derrotados Obradoiro, Breogán, Baxi e Ensino.
O Ensino caeu na casa por 54-65 (Foto: Spar Gran Canaria).
photo_camera O Ensino caeu na casa por 54-65 (Foto: Spar Gran Canaria).

Non foi a mellor das xornadas para a representación galega na elite do baloncesto masculino e feminino Estatal, pois tanto Monbus Obradoiro e Leite Río Breogán como Durán Maquinaria Ensino e Baxi Ferrol perderon os seus respectivos compromisos ligueiros.

Con todo, non hai que restarlle mérito á actuación dos celestes do Breogán, pois tiveron claras opcións de vitoria ante o todopoderoso Real Madrid -único equipo da ACB xunto co Barcelona que permanece invicto- nun choque que finalizou cun resultado de 71-79.

Tan só os sensacionais lanzamentos de tres puntos de Yabusele na primeira metade e de Llull nos momentos finais impediron que os lucenses desen a sorpresa, confirmando así a súa condición de gran revelación da categoría.

Diametralmente oposto foi o modo de perder do Monbus Obradoiro, que foi esmagado polo UCAM Murcia por 70-104 na que foi a súa primeira derrota no Sar no que vai de campaña.

O técnico galego, Moncho Fernández, advertira xa nos días previos a este compromiso de que as súas únicas opcións pasaban por conseguir igualar a característica intensidade dos murcianos, cousa que, á vista está, non conseguiron.

As baixas lastran o Ensino

Con respecto ao baloncesto feminino, o Ensino correu a mesma sorte que os tamén lucenses do Breogán e perderon exhibindo unha moi boa imaxe ante o Spar (54-65).

Detras deste tropezo están as numerosas baixas que asolan á escuadra galega, agravada pola carga de partidos tras a disputa da EuroCup.

Finalmente, o Baxi Ferrol tampouco foi quen de gañar, pois o Tenerife foi superior nun encontro no que o combinado departamental contaba coa vantaxe do factor campo, que non soubo aproveitar (62-77).

Comentarios