Xornada negra para os equipos galegos na elite

Dura fin de semana para Celta e Lugo, os únicos representantes galegos na Primeira e na Segunda División, que perderon os seus respectivos encontros. Mellor estiveron o filial celeste, que conseguiu a súa primeira vitoria en Liga, e o Pontevedra, que xa é líder da Segunda B após derrotar o Salamanca Clube de Fútbol.
A pesar dunha evidente mellora no xogo, o conxunto celeste volveu caer derrotado na Liga. (Foto: Sevilla FC).
photo_camera A pesar dunha evidente mellora no xogo, o conxunto celeste volveu caer derrotado na Liga. (Foto: Sevilla FC).

O Celta apañou ante o Sevilla unha derrota (4-2) esperanzadora polo cambio de actitude do equipo e os moitos minutos de bo xogo acumulados, mais nun contexto tan negativo como no que están instalados os celestes, todo o que non sexa sumar de tres en tres representa un fracaso de cara a conseguir o único obxectivo no que se debe centrar o equipo, que non pode ser outro que evitar o descenso de categoría.

Un Chacho Coudet que non puido sentar no banco a causa de problemas burocráticos coa UEFA foi consecuente coa súa forma de entender o fútbol, e dispuxo un  4-4-2 moi ofensivo, xuntando no campo a Nolito, Brais Méndez, Denis Suárez, Santi Mina e Iago Aspas. 

Mais, quizais polo brutal contraste entre a súa forma de entender o fútbol coa do seu predecesor, os 10 primeiros minutos de partido foron de barullo total no Celta, o que aproveitou o Sevilla de Julen Lopetegui para adiantarse no marcador apenas comezado o encontro.

Porén, os galegos non baixaron os brazos e conseguiron darlle a volta ao partido grazas aos tantos de Aspas e Nolito, vantaxe neutralizada a piques de chegar ao descanso por En-Nesyri, e logo, cando os de Coudet buscaban a vitoria desesperadamente, o Sevilla estivo máis listo e conseguiu estabelecer o 4-2 definitivo cando o partido estaba próximo a rematar. 

O Lugo mereceu perder

A mesma sorte que o Celta correu un Lugo que viña lanzado, mais caeu co fechacancelas Alcorcón (0-1) nun encontro no que, en palabras de Mehdi Nafti, "sería inxusto volver cun punto".

O Pontevedra, novo líder

Na categoría de bronce o Dépor cedeu o liderado logo de empatar co Guixuelo (0-0) nun partido malo dos coruñeses, ben sintetizado por un berro dun afeccionado local: "Vamos, Guijuelo, que no son tan buenos!". Iso foi aproveitado polo Pontevedra, que releva os coruñeses no primeiro posto após derrotar o Salamanca (2-0), o que provocou a destitución de Sergio Egea, até o de agora técnico dos charros. 

No derbi galego, Rácing de Ferrol e Compostela empataron na Malata (1-1) e, pola súa banda, o Celta B conseguiu a súa primeira vitoria logo de vencer o Zamora (2-0), resultado que non puido emular o Coruxo (0-2), que segue sen coñecer a vitoria.

Comentarios