O novo Celta de Coudet busca recuperar o sorriso

Chacho Coudet aspira a facer bo o vello dito de "a adestrador novo, vitoria segura" e conseguir no seu debut como técnico celeste tres puntos que afasten a pantasma dos postos de descenso. Ademais, na Segunda División B o prato estrela da xornada será o derbi entre Rácing de Ferrol e Compostela.
Da actuación individual de Iago Aspas dependerá en gran parte o resultado do choque ante o Sevilla de Lopetegui. Foto RC Celta
photo_camera Da actuación individual de Iago Aspas dependerá en gran parte o resultado do choque ante o Sevilla de Lopetegui. (Foto: RC Celta).

O Celta de Vigo volve mañá ás 18.30 horas á competición logo dunha parada obrigada de dúas semanas a causa dos compromisos das distintas seleccións nacionais. Durante este tempo os celestes viviron unha revolución no sentido máis literal do termo, pois ademais de substituír un Óscar García Junyent que xa estaba sentenciado antes do choque contra o Elxe polo arxentino Eduardo 'Chacho' Coudet, tivo lugar un movemento contra a directiva a causa da nova campaña de abonamentos, moi criticada por boa parte da afección a pesar de que desde o club se destaca o bo ritmo ao que se están producindo esas renovacións.

No eido estritamente deportivo, Coudet buscará estrearse cunha vitoria ante o Sevilla de Lopetegui, mais -polo menos no momento de fechamento desta edición- non poderá sentar no banco para dirixir os seus novos xogadores por non dispor da preceptiva licenza UEFA debido a un problema coa acreditación dos seus anos de experiencia adestrando.

Con ou sen Coudet, o Celta está obrigado a gañar para afastarse da fantasma dos postos de descenso, que leva xa dous anos e medio atormentando os celestes. O seu rival será o Sevilla, na teoría un aspirante ao título de Liga, mais na competición da regularidade non está alcanzando as prestacións que se agardan dun equipo con xogadores do nivel de Jesús Navas, Rakitic ou Ocampos.

Precisamente por ser o seu primeiro partido, sumado ao desgaste dos futbolistas que foron convocados polas súas respectivas seleccións estes últimos días, resulta complicado prever quen será da partida na escuadra celeste, mais a experiencia nos seus anteriores equipos e o seu gusto polo fútbol ofensivo fai prever un once aproximado que podería ser o conformado por Rubén na portería; Hugo Mallo, Aidoo, Murillo e Olaza na defensa;  unha liña de catro con Tapia de pivote, con Fran Beltrán e Denis como volantes e Iago Aspas de enganche con total liberdade; e Nolito e Santi Mina nas posicións de ataque.

Novo derbi na Segunda B

Tamén volve logo de dúas semanas a Segunda División B, que aproveitou estes días para recuperar partidos adiados no seu momento a causa de casos de Covid-19 en distintos equipos.

O prato estrela da fin de semana será o derbi galego entre Rácing de Ferrol e Compostela, que precisamente abre a xornada quinta na categoría de bronce hoxe ás 18 horas. Os Diaños Verdes parten como favoritos tanto por xogaren na casa como pola súa posición na táboa clasificatoria -son cuartos con sete puntos, mentres que os da capital da Galiza son sextos con cinco-, mais o Compostela aspira a dar a sorpresa e prorrogar o nivel de xogo exhibido ante o Guixuelo, ao que gañou por 3-0, conseguindo así a súa primeira vitoria da tempada.

 O segundo partido da xornada con presenza galega será o Celta B-Zamora, xa mañá domingo (12 horas), no que o filial celeste pretende estrear o seu contador de vitorias ante a revelación da categoría, para o que contará con 150 persoas nas bancadas do Barreiro, que sairán de entre aquelas que renovasen o seu carné ou se desen de alta durante a polémica campaña de abonamentos.

Dúas horas máis tarde, ás 16, o Coruxo, fechacancelas da categoría, visita o Unionistas co mesmo obxectivo que os seus veciños: gañar por fin. E ás 17 horas será a quenda de Pontevedra e Dépor, que se enfrontarán a Salamanca e Guixuelo, respectivamente.

O Lugo desínchase 

A escuadra albivermella caeu onte no campo do Alcorcón, último clasificado da Segunda División, por 1-0  nun partido cheo de fallos e imprecisións por parte dos albivermellos e rebaixa a euforia creada desde a chegada de Mehdi Nafti 

Comentarios