Fútbol

Xornada de fútbol nostálxico na Galiza

Os torneos de verán recuperan vigor pese a globalización do deporte.
O Rácing de Ferrol volverá ser protagonista do Emma Cuervo de Ribadeo, no que colisionará contra outro histórico, o Real Oviedo. (Foto: Rácing Club Ferrol).
photo_camera O Rácing de Ferrol volverá ser protagonista do Emma Cuervo de Ribadeo, no que colisionará contra outro histórico, o Real Oviedo. (Foto: Rácing Club Ferrol)

Nin Qatar, nin a China, nin os Estados Unidos nin os Emiratos Árabes. A Galiza vivirá hoxe unha xornada de fútbol de verán como nos vellos tempos, inzada de compromisos amigábeis entre conxuntos de distintas procedencias e con varios dos denominados "torneos de verán" en liza.

No século XX, tempus fugit, os mellores equipos do planeta preparábanse para a tempada participando nunha serie de competicións estivais nas que a Galiza estaba á vangarda. Trofeos como o Teresa Herrera, o Concepción Arenal ou o Emma Cuervo copaban portadas na prensa non só galega, senón estatal, transcendendo as barreiras do deporte para tornar mesmo en activos turísticos para as localidades que as acollían.

A chegada, coa entrada do novo século, do que se deu en chamar entre os e as afeccionadas como "fútbol moderno" foi diminuíndo progresivamente o peso dunhas competicións que cederon protagonismo a probas análogas noutras latitudes financiadas a golpe de talonario.

Non obstante, hoxe, 2 de agosto, eses torneos de verán reverdecen temporalmente vellos loureiros, pois terán lugar de forma case paralela o Emma Cuervo de Ribadeo e o Memorial Luís de Carlos de Viveiro, ademais dun amigábel entre o Celta Fortuna e a Sociedade Deportiva Compostela.

O primeiro dos mesmos enfrontará ás 19 horas da tarde no Pepe Barrera de Ribadeo dous conxuntos que militan na categoría de prata, Real Oviedo e Rácing de Ferrol. Os asturianos, eternos candidatos a regresar a unha Primeira División que non pisan desde o ano 2001, prometen ser un óso duro de roer para os galegos, que veñen de conseguir o ascenso á Segunda tras 15 anos de ausencia.

A pouco máis de 60 quilómetros de alí, no Municipal de Cantarrana de Viveiro, e tamén ás 19 horas, o Club Deportivo Lugo e o Real Madrid B competirán por facerse coa edición de 2023 do Trofeo Luís de Carlos, que lembra o ex presidente branco entre 1978 e 1985.

E media hora máis tarde, concretamente ás 19.30, dous conxuntos moi renovados, o filial do Celta e o Compos, xogarán un derbi no Estadio Vero Boquete. 

A rica historia do Emma Cuervo

O Trofeo Emma Cuervo de Ribadeo é o segundo torneo futbolístico de verán máis antigo.  Fundado en 1952, tan só o Trofeo Teresa Herrera da Coruña (1946) ten máis solera que un evento que ten como tradición enfrontar un conxunto da Galiza cun de Asturias, formato que se deu en 56 das súas 72 edicións e que se repetirá neste 2023 co Real Oviedo e o Rácing de Ferrol como protagonistas.

A escuadra asturiana é a gran dominadora do certame da Mariña Oriental, pois ten máis títulos (16) e participacións (39) que ningún outro bloque. Por detrás, xa a bastante distancia, emerxen o Real Club Deportivo da Coruña (10 Emma Cuervos en 18 presenzas) e o Real Club Celta de Vigo (9 en 17).

Xa fóra do podio histórico, en cuarta posición, figura un Rácing de Ferrol que venceu en sete das súas once participacións. Ademais, os Diaños Verdes foron os gañadores da primeira edición, superando Caudal Deportivo de Asturias por 4-1.

O Trofeo Emma Cuervo conta con  cinco precedentes do Rácing-Oviedo (1969, 1971, 1980, 2001, 2005), vencendo os galegos en tres ocasións.

Comentarios