A xornada 'Escalada en Feminino' reivindica a igualdade no deporte

Por iniciativa do club Aromon e a UVigo, decorre este sábado na cidade do Lérez unha actividade para promocionar entre mulleres de todas as idades a escalada.
O club Aromon realizou o ano pasado no pavillón multiusos da Xunqueira, en Pontevedra, actividades de promoción da escalada (Foto; Club Aromon).
photo_camera O club Aromon realizou o ano pasado no pavillón multiusos da Xunqueira, en Pontevedra, actividades de promoción da escalada (Foto; Club Aromon).

Coincidindo coa proximidade do Día Internacional das Mulleres Traballadoras, o club Aromon de montañismo ideou a actividade aberta Escalada en Feminino para fomentar esta modalidade deportiva entre mulleres de todas as idades.

A iniciativa, que conta coa colaboración da Universidade de Vigo (UVigo), na súa sede de Pontevedra, e o Concello da cidade do Lérez, decorrerá hoxe nos muros de escalada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e do Pavillón Multiusos da Xunqueira

A profesora da UVigo e escaladora Águeda Gutiérrez é a responsábel do proxecto e doutros que ten realizado co propio club anos anteriores. “Teño organizado obradoiros de escalada e roca e cando consigo que se apunten rapazas alégrome”, explica a Nós Diario.

“Nas escolas municipais case non hai diferenza mais si no noso club e cando nos achegamos ás idades adultas somos só o 28%”, engade. 

Para loitar contra esta realidade pensou en preparar unha xornada para “dar visibilidade a esta modalidade e ao deporte feminino en xeral”, apunta esta profesora da UVigo.

Contou, desde o inicio, coa colaboración voluntaria doutras escaladoras do club e a súa primeira intención foi realizala en 2022 mais, como consecuencia da pandemia, decidiron pospola para este ano. "Non queriamos ter problemas co número de inscritas, pensando en ter prazas abondo para todas", aclara Gutiérrez.

Para todas as idades

“Para min o máis importante da escalada é que é un deporte para toda a vida”, asegura esta escaladora. Pon como exemplo a resposta que tivo a xornada que decorrerá hoxe que, ademais de desbordar as previsións, contou con inscricións de todas as idades.

“Houbo máis de 150 solicitudes e só poderemos atender unhas 85 nesta edición”, indica a escaladora, “como dato positivo sorprendeunos que temos persoas interesadas de entre 5 e 75 anos, na súa maioría, que nunca probou este deporte”. 

Escalada en Feminino, coa intención de albergar máis xente,  desenvolverase en grupos dun máximo de 20 persoas e arrancará, na mañá de hoxe, no muro de Ciencias da Educación e do Deporte, onde terán lugar as dúas primeiras sesións. Xa pola tarde, continuará no multiusos da Xunqueira, con dúas novas quendas de escaladoras. 

“Será un breve curso no que se lles introducirá, antes da parte práctica, temas de seguridade como a maneira de colocarse o arnés, o casco ou os pés de gato”, indica a responsábel da actividade, “tamén coa intención de que as participantes vexan que é un deporte seguro”, aclara. 

Aromon xa realizou unha xornada de promoción en 2022 e colabora coa UVigo no Plan de corresponsábeis, relacionado coa conciliación familiar, coa proposta da iniciación á escalada en familia. A última sesión deste proxecto terá lugar o 12 de marzo.

“A escalada pode realizarse coas fillas e fillos, até calquera idade”, argumenta Gutiérrez. Agora xa pensa en darlle continuidade á experiencia que terá lugar hoxe con outras datas. “Non é doado polas escasas instalacións que temos, mais gustaríame repetir para darlle oportunidade a todas as mulleres que quedaron en lista de agarda nesta convocatoria”, conclúe.

Comentarios