A Federación de Caza busca adherirse a 'Xogade', o programa da Xunta para fomentar o deporte entre escolares

A conselleira Ángeles Vázquez cualifica de "vital" o papel dos cazadores "no control da fauna silvestre e na preservación dos ecosistemas".
A conselleira Ángeles Vázquez asistiu o pasado 1 de decembro á asemblea da Federación de Caza. (Foto: Xunta)
photo_camera A conselleira Ángeles Vázquez asistiu o pasado 1 de decembro á asemblea da Federación de Caza. (Foto: Xunta)

A Federación Galega de Caza aprobou na súa asemblea do pasado 1 de decembro un proxecto para adherirse a 'Xogade', un programa da Xunta da Galiza que ten por obxectivo fomentar o deporte entre escolares de 6 a 15 anos de idade. A intención da Federación é a "proxección da caza" entre a mocidade, co fin de "dar impulso á substitución xeracional" da actividade cinexética.

Ao concluír a asemblea xeral, que decorreu en Santiago, celebrouse unha entrega de certificados de formación á que asistiu a vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. A representante do Goberno galego cualificou no evento de "vital" o papel dos cazadores "no control da fauna silvestre e na preservación dos ecosistemas".

Tras coñecer as intencións da Federación de Caza, a Fundación animalista Franz Weber emitiu un comunicado no que criticou o que entende como un intento de "normalizar a súa afección entre xeracións en pleno desenvolvemento intelectual, motal e físico, trivializando o sufrimento dos animais e as súas propias neglixencias".

Este colectivo naturalista censura que os cazadores poidan acceder ao programa que xestiona a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta. E, neste senso, afea ao Goberno galego que lles outorgue cada ano decenas de miles de euros para financiar cursos de formación e adquirir material como bolígrafos, chalecos e gorras, entre outras accións.

Neste contexto, desde Franz Weber volven reclamar prohibir o acceso dos menores ás batidas e suxiren á Xunta que preste "máis atención" ás recomendacións do Comité de Dereitos do Neno, que no seu comentario número 26, aprobado en agosto, di o seguinte: "Hai que protexer aos nenos de toda forma de violencia física e psicolóxica e da exposición á violencia, por exemplo a doméstica ou a infrinxida aos animais".

Comentarios