O Waterpolo Pontevedra, coa Supercopa galega no peto, preparado para Primeira

As xogadoras do CW Pontevedra levan semanas aumentando o nivel de adestramento para ter unha boa participación na que será a sua primeira tempada en Primeira División.
As deportistas e o corpo técnico do Club waterpolo Pontevedra co trofeo da Supercopa galega (Foto: CW Pontevedra)
photo_camera As deportistas e o corpo técnico do Club waterpolo Pontevedra co trofeo da Supercopa galega (Foto: CW Pontevedra)

O Club Waterpolo Pontevedra vive o seu mellor momento. O seu equipo feminino comezará este mes unha nova aventura en Primeira División coa sensación de que realizarán un bo papel malia as rivais de categoría que terán que vencer. Un dos últimos ensaios foi este pasado sábado coa Supercopa galega que tiveron que disputar as de Pontevedra, como campioas de Liga e Copa da tempada pasada, contra o CW Coruña, que fora subcampión de Copa.

Na piscina ourensá Rosario Donas o equipo formado por pontevedresas e ourensás impúxose por 12-2 e levantaron un novo título nacional.

Previo á Supercopa participaron convidadas polo Clube Fluvial Portuense, campión da Taça de Portugal, no IV Torneio Internacional Cidade do Porto cun resultado máis que aceptábel ao perder por un só gol contra as anfitrioas e medirse con equipos da División de Honra Feminina: o CN Rubí e o CN Boadilla

Un orgullo e un reto

Fontes do club consultadas por Nós Diario sinalan que será “un orgullo, despois de tantos anos, poder xogar unha liga estatal” lembrando que a nivel galego tamén serían as primeiras. Ao mesmo tempo admiten que “é todo un reto” estar na alta competición coa dúbida de “non saber como poderemos render”. Por ese motivo recoñecen que aumentaron os adestramentos e as participacións en encontros amigábeis e trofeos. Colocarse nesa categoría non foi unha casualidade.

“Estar en Primeira levounos moitos anos de competición, non só das rapazas de agora, tamén das que pasaron polo club antes sementando e creando as bases”, aseguran. Tamén influíu a posibilidade que se deu a tempada pasada de “unirse co Ourense para poder ter un cadro de xogadoras máis amplo e poder xogar con seguridade”.

Enrique García, adestrador do CW Pontevedra, indica a Nós Diario que "a actitude é moi boa, afrontan o reto con moita ilusión e traballo" confesando que "dá gusto velas adestrar". Para o adestrador, o máis difícil da nova categoría será o nivel dos equipos "con xogadoras de maior densidade competitiva desde categorías inferiores, o esgotamento físico polos desprazamentos e o aumento de horas de adestramento que terán que adaptar as nadadoras de cara a esta tempada". 

Calendario en Primeira

As xogadoras do CW Pontevedra xa coñecen como será o seu calendario. A formación galega quedou encadrada no  grupo A, con oito equipos, nunha primeira fase de competición na que disputará 14 xornadas. Nesta fase loitarase polo título e ascenso a División de Honra, un obxectivo que conseguirán os catro primeiros clasificados de cada grupo. O primeiro partido das galegas, coincidindo co inicio da liga, será o 22 de outubro contra o Simalga Real Canoe NC, un dos rivais máis difíciles do grupo que a tempada pasada só perdeu un partido.

O debut na casa será o 29 de outubro recibindo ao CN Cidade de Alcorcón. Club que foi o anfitrión na primeira fase de ascenso que xogou o CW Pontevedra, en 2018. A presentación oficial do equipo galego realizarase este sábado ás 10.30 horas no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta da Galiza de Campolongo, en Pontevedra.

Un deporte con historia que quere superar barreiras

A historia do waterpolo en Pontevedra comeza coa Sociedade Ximnástica nos anos 30 do século XX e os partidos na dársena das Corbaceiras. Esta práctica desapareceu nos 50 pola contaminación industrial. Nos 90 volve este deporte co CN Pontevedra. En 2010 este equipo e o CN Galaico únense para pasar a ser, anos despois, o CW Pontevedra. A presenza en Primeira pasará á historia como un dos seus maiores logros.

Partido nas Corbaceiras. (Foto: CW Pontevedra)
Partido nas Corbaceiras. (Foto: CW Pontevedra)

Comentarios