Volve a Liga cun duelo moi galego entre Celta e Alavés

A máxima categoría fai o seu regreso dúas semanas despois, finalizada a parada a causa dos compromisos cualificatorios para Qatar 2022 cun Celta-Alavés de marcado carácter galego, pois no conxunto vasco militan Joselu, Jota Peleteiro e Lúcas Pérez. Ademais, o Lugo recibe o Málaga e os seis representantes da Galiza na Segunda B inauguran a 
nova fase da categoría de bronce.
Na primeira volta os celestes lograron a vitoria (2-0) nun partido soberbio de Iago Aspas e de Brais Méndez, que anotou os dous tantos olívicos. (Foto: RC Celta).
photo_camera Na primeira volta os celestes lograron a vitoria (2-0) nun partido soberbio de Iago Aspas e de Brais Méndez, que anotou os dous tantos olívicos. (Foto: RC Celta).

O Celta de Vigo regresa á competición logo da obrigada parada para a disputa dos encontros clasificatorios para a Copa do Mundo de Qatar 2022, nos que, lonxe do espectáculo futbolístico, o máis destacado foron as declaracións da estrela alemá Toni Kroos e as camisetas que luciron Haaland, Ødegaard e o resto dos integrantes da selección norueguesa denunciando a "situación de explotación" que padecen os traballadores migrantes que están levantando os novos estadios para acoller o Mundial.

Así, a primeira parada na procura de certificar matematicamente a permanencia na Primeira División será o domingo ás 14 horas en Vitoria, onde pretende reeditar a cómoda vitoria (2-0) que conseguiu no partido de ida ante un Deportivo Alavés que é o terceiro equipo con máis xogadores galegos na máxima categoría despois do propio Celta e da Sociedade Deportiva Huesca, aínda que dos tres que integran as súas filas -Joselu, Lúcas Pérez e Jota Peleteiro- tan só o primeiro conta coa confianza do Pitu Abelardo.

Por sorte para os intereses celestes, os vascos semellan unha vítima propicia para conseguir un triunfo que aproxime cada vez máis ese obxectivo da salvación, pois son penúltimos clasificados con tan só 23 puntos e están inmersos nunha crise interna a nivel de vestiario, de xogo e de resultados, que os levou a non saber o que é a vitoria nos últimos dous meses, concretamente desde o pasado  5 de febreiro.

Quen non poderá estar sobre o céspede de Mendizorroza é o central mexicano Néstor Araújo, baixa que Chacho Coudet solucionará dando minutos a Joseph Aidoo, un dos talismáns do equipo vigués, pois a pesar de non ser un dos homes habituais do preparador arxentino, até o de agora participou nas nove vitorias conseguidas ao longo da tempada.

Para o Club Deportivo Lugo tan só vale gañar

Con independencia do resultado do partido ante Las Palmas que se disputa na noite desta quinta feira, 1 de abril, e -do que os horarios cos que a Liga de Javier Tebas martiriza as afeccionadas nos impiden dar a debida cobertura, por finalizar fóra do horario de fechamento desta edición- para o Club Deportivo Lugo o único resultado válido no choque co Málaga deste domingo, 4 de abril, é unha vitoria.

Ningún equipo que pretenda non pasar apuros a final de tempada, como é o caso da escuadra albivermella, pode permitirse lograr tan só un triunfo en tres meses, polo que Luís César Sampedro está obrigado a lograr unha reacción duns homes que durante a etapa de Nafti chegaron a gañar tres partidos consecutivos e a estar invictos no Ángel Carro durante todo o período do franco-tunesino á fronte do equipo.

Os galegos, favoritos na nova fase da Segunda B

Celta B, Deportivo, Rácing de Ferrol, Compostela, Pontevedra e Coruxo abren esta fin de semana a segunda fase da categoría de bronce, na que parten como favoritos para conseguir cadanseus obxectivos.

Así, o filial celeste arranca como terceiro mellor equipo no grupo polo ascenso, e agarda consolidarse nunha das tres primeiras prazas que dan acceso ao play-off. Para conseguilo, nada mellor que comezar con bo pé superando Valladolid Promesas este sábado ás 16 horas.

Pola súa banda, Deportivo, Rácing de Ferrol e Compostela son favoritos no grupo por lograr un posto para estar na futura Primeira RFEF, xogando todos eles o domingo ás 18 horas contra, respectivamente, Marino de Luanco, Langreo e Numancia.

Finalmente, Pontevedra e Coruxo abrirán a loita por non descender á nova Terceira RFEF, tamén o domingo ás 18 horas, ante os asturianos do Sporting B no Vao e do Club Deportivo Covadonga en Pasarón.

Comentarios