Os equipos galegos da Segunda División B afrontan a parte máis dura da competición

Analizamos o percorrido e as expectativas de Celta B, Deportivo, Rácing, Compostela, Pontevedra e Coruxo na segunda fase da Liga, que comeza esta fin de semana.
Os Celta B-Coruxo son partidos con moita historia que, co tempo, tornaron en auténticos clásicos da categoría de bronce. (Foto: RC Celta).
photo_camera Nesta segunda fase non terá lugar ningún derbi galego como o Celta B-Coruxo da imaxe. (Foto: RC Celta).

Como a estudante que suspira de alivio despois de rematar un durísimo exame, pero coa tensión sobre os ombreiros que supón ter aínda por diante máis controis nos seguintes días, os conxuntos galegos da Segunda División B finalizaron a pasada fin de semana a primeira parte do formato de competición máis duro na historia da categoría de bronce sabendo que este mesmo sábado retoman a multitudinaria batalla de 102 equipos na procura dos seus diferentes obxectivos finais.

Así, o Celta B, campión do grupo no que tamén estaban encadrados o resto de representantes do país -Deportivo, Rácing de Ferrol, Compostela, Pontevedra e Coruxo-, será o único que pelexará polo ascenso á Segunda División. Para iso terá que conseguir finalizar entre os tres primeiros nun grupo no que competirá con Unionistas de Salamanca, Zamora, Cultural Deportiva Leonesa, Burgos e Valladolid Promesas, filial da escuadra pucelana.

Non obstante, os celestes non volverán enfrontarse cos vellos coñecidos de Unionistas e Zamora, os seus inmediatos perseguidores no subgrupo 1-A da primeira fase, senón que tan só xogará contra os conxuntos que proceden do subgrupo 1-B, é dicir, Burgos, Cultural e Valladolid.

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF), responsábel deste modelo, estabeleceu que os puntos conseguidos na rolda anterior conten para esta nova fase. Xa que logo, a escuadra viguesa parte en igualdade de condicións con Valladolid, Zamora e Unionistas, pois todos sumaron 30 puntos, mais en desvantaxe coa Cultural (31) e Burgos (39).

No peor dos supostos, se o Celta B non logra situarse entre os tres mellores do grupo, ou como mellor cuarto clasificado dos cinco grupos en total que conforman a loita polo ascenso, polo menos ten a tranquilidade de contar cunha praza a vindeira tempada no torneo que substituirá á Segunda División B no calendario futbolístico como terceira categoría do fútbol español, a coñecida como Primeira RFEF, cousa que non teñen garantida nin Deportivo nin Rácing de Ferrol nin Sociedade Deportiva Compostela.

Primeira RFEF

Esta nova Liga estará integrada na campaña 2021/22 por tan só 40 equipos, moi lonxe dos 102 que conformaron a Segunda B esta tempada. Dépor, Rácing e Compos aspiran a ser un deles nunha segunda fase na que, igual que acontece co Celta B no grupo polo ascenso, cada un chega cos puntos sumados na rolda previa e competirá con outros cinco equipos, tres deles procedentes do subgrupo 1-B, e sen chocar directamente cos seus rivais na primeira fase. Así, non terá lugar ningún derbi galego, senón un triplo enfrontamento dos equipos do país cos asturianos Marino de Luanco e Langreo e co Numancia de Soria. 

O gran favorito para acabar nun dos dous primeiros postos e, por tanto, facerse cunha praza en propiedade na Primeira RFEF é o conxunto branquiazul, pois comeza líder con 29 puntos e o impulso de tres vitorias consecutivas. Por detrás parten Rácing de Ferrol (27), Numancia (25), SD Compostela (25), Langreo (25) e Marino (22).

Segunda e Terceira RFEF

Os catro equipos que non consigan concluír esta liguiña como un dos dous primeiros xogarán a vindeira tempada na coñecida como Segunda RFEF, o que no caso concreto do Deportivo suporía consumar o seu segundo descenso seguido, pois esta será a cuarta categoría do fútbol estatal, só por diante da rebautizada como Terceira RFEF.

Desta última é da que pretenden fuxir como gato escaldado da auga fría Pontevedra e Coruxo. Ambos terán que estar entre os tres primeiros dunha liga de oito equipos entre os que parten, respectivamente, co segundo e o terceiro mellor balance previo de puntos.

Comentarios