A V Bandeira de Bateis Concello da Pobra reunirá 600 deportistas

O evento terá lugar o próximo domingo, 31 de marzo.
Presentación da V Bandeira Bateis Concello da Pobra. (Foto: Concello da Pobra do Caramiñal).
photo_camera Presentación da V Bandeira Bateis Concello da Pobra. (Foto: Concello da Pobra do Caramiñal).

Chega a primavera, e con ela a V Bandeira de Bateis Concello da Pobra do Caramiñal, tanto na súa modalidade feminina como na masculina, que se disputará o próximo domingo, día 31 de marzo. 

Esta proba, organizada polo Club Remo Pobra co patrocinio da Concellería de Deportes local e a colaboración da Federación Galega de Remo, desenvolverase en augas da dársena do peirao comercial a partir das 10.30 horas coa participación de aproximadamente 14 clubs da zona norte da Liga Galega de Bateis, o cal se traduce na presenza dun cento de equipos e 600 remeiros e remeiras.

Durante o acto de presentación o concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, manifestou que o municipio "eríxese como un referente nas disciplinas deportivas vencelladas ao mar a través do remo, o cal conta cun forte arraigamento na vila".

Destacou tamén a capacidade organizativa do Club Remo Pobra, e aproveitou a ocasión para felicitalo por algúns dos últimos resultados obtidos, como, por exemplo, a conquista da I Bandeira de Bateis Mecalsa e da I Bandeira de Bateis Muros de San Pedro, na modalidade masculina en ambos os casos. 

Logo tomou a palabra o presidente da entidade remeira pobrense, Emilio Dieste, quen adiantou que o calendario do mes de abril está cheo de actividades e converterá a localidade na "capital do remo." 

Así mesmo, o mandatario da escuadra do Barbanza indicou que na competición desta fin de semana o seu club terá representación en case todas as categorías, polo cal agardan "acadar bos resultados", segundo precisaron posteriormente, a maiores, dúas das persoas que o integran, Diego Cabezudo, en representación do xuvenil masculino do Pobra, e Lucía Millán, que compite na sub-23 feminina.

Comentarios