O noiés Caetano Horta estará nos Xogos Olímpicos de París

O remeiro confía en lograr un metal na final deste sábado do Mundial de Belgrado.
photo_camera Dennis Carracedo e Caetano Horta, após as semifinais.

Após lograr un máis que meritorio diploma olímpico nos seus primeiros Xogos e con só 18 anos, en Toquio 2020, Caetano Horta sumou esta quinta feira un novo éxito para o remo galego. Rematou na primeira posición na súa semifinal do dobre scull lixeiro, canda o catalán Dennis Carracedo, no Mundial de Remo que decorre estes días en Belgrado (Serbia).

Só os equipos suízo e italiano, na outra semifinal, superaron a marca de Horta e Carracedo, que con este resultado, e antes aínda de disputar a final do campionato, xa aseguraron a súa presenza na cita olímpica de 2024. "É un paso máis chegar a eses Xogos, que pintan moi ben", dixo o noiés.

Mais antes diso, este sábado, ambos os remeiros competirán polos metais en Belgrado. Un obxectivo que, para Horta, é "sen dúbida" alcanzábel. Tamén Carracedo asegurou estar "moi contento" polo "regatón" de hoxe e confía en colgar unha medalla ao pescozo o sábado para pór o broche de ouro a unha "tempada espectacular".

Dennis Carracedo e Caetano Horta, hoxe, en Belgrado. (Foto: FER)
Dennis Carracedo e Caetano Horta, hoxe, en Belgrado. (Foto: FER)

Comentarios