A UVigo crea un "VAR" para as deportistas de ximnasia rítmica

Un dispositivo colocado nas participantes consegue situalas no tapiz.
Guillermo Rey e Pedro Orgeira (Foto: UVigo).
photo_camera Guillermo Rey e Pedro Orgeira (Foto: UVigo).

Após a chegada do árbitro asistente de vídeo (VAR) en deportes como o fútbol, a tecnoloxía procura achegar solucións noutras disciplinas.

Neste contexto, un grupo interdisciplinar formado por persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense da Universidade de Vigo (UVigo), acaba de desenvolver un pequeno sistema de localización de deportistas de ximnasia rítmica no tapiz de competición, empregando un dispositivo de posicionamento axudado por un dron. 

Tapiz e restricións

O traballo estivo coordinado por Guillermo Rey, do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais Atrg, e por María del Pino Díaz, do grupo de investigación en Didáctica Especial, de Actividade Física, Expresión e Creatividade HI6. Completaron o equipo Pedro Orgeira, na parte de Aeroespacial, e Isabel Mociño e Lucía Casal, na de Educación.

Perseguíase que o sistema fose de fácil despregamento en calquera tapiz, polo que se comezou buscando a utilización dunha solución situada nun dron e que proporcionase a evolución do movemento das e dos ximnastas no seu exercicio deportivo, indicando localización, traxectoria e velocidade. 

Á hora de levar a cabo o proxecto, o equipo investigador tivo que enfrontarse ademais a dous hándicaps principais: por un lado, a indumentaria das ximnastas, que dificultaba a introdución de elementos de localización e identificación; e por outro, os requisitos de zonas de seguridade ao redor do tapiz.

As condicións nas que desenvolver unha posición en tempo real eran polo tanto “moi restritivas” e a elas había que sumar o feito de que esta actividade se realiza en escenarios de interior, onde tecnoloxías coma o GPS non están dispoñíbeis. 

Pequeno dispositivo

A pesar destas limitacións, no proxecto conseguiuse a localización dun total de cinco ximnastas galegas en tempo real, rexistrando as súas evolucións no tapiz de competición, identificando cada deportista de maneira individual e ademais garantindo que a captura de datos posibilitase a posterior análise da información.

Para conseguilo, detallan Guillermo Rey e Pedro Orgeira, optouse polo emprego conxunto e coordinado dun sinxelo, pequeno e discreto dispositivo axudado por un dron. Os investigadores salientaron, tamén, os baixos custes económicos deste sistema de localización deportivo.

Comentarios