Última chamada para Europa e a permanencia

Na Primeira División restan tan só dúas datas para o final do campionato, catro no caso da Segunda, o que en fútbol só significa unha cousa: gañar. Todo o que non sexa unha vitoria podería afastar definitivamente o conxunto celeste de clasificarse para a Europa League e á escuadra albivermella de xogar un ano máis na categoría de prata.
A familia celeste é optimista ante a posibilidade de lograr derrotar o Fútbol Club Barcelona (Foto: RC Celta).
photo_camera A familia celeste é optimista ante a posibilidade de lograr derrotar o Fútbol Club Barcelona (Foto: RC Celta).

A Liga de Fútbol Profesional encara a súa fase decisiva e os representantes galegos na Primeira e na Segunda División están obrigados a superar con vitoria os seus compromisos desta fin de semana se queren conseguir os seus obxectivos de clasificarse para Europa e salvar a categoría, respectivamente.

O conxunto celeste precisa perentoriamente de sumar os seis puntos que lle quedan por disputar, comezando polos que estarán en xogo este domingo ás 18.30 horas no fogar do Fútbol Club Barcelona, para seguir soñando con revivir as vellas glorias europeas. De conseguilo, significaría que os do Chacho Coudet gañarían seis partidos consecutivos e pasarían por enriba duns culés que se despedirían definitivamente do título.

Cousas da Liga, o equipo máis galego da segunda división despois do olívico, a Sociedade Deportiva Huesca de Pedro Mosquera, Juan Carlos Real, Pablo Insua e David Ferreiro, faríalle un gran favor ao Celta se é quen de imporse ao Betis no encontro que disputarán tamén o domingo ás 18.30 horas. Se os oscenses logran gañar aos verdibrancos, e o Celta fai o propio co Barcelona na antepenúltima xornada ligueira, afrontaría un escenario moi favorábel para meterse en Europa, pois dependería de si mesmo. 

Existe tamén a opción de que se produza un cuádruplo empate a 56 puntos entre Real Sociedade, Betis, Vilarreal e o propio Celta, no que os vigueses sairían moi prexudicados, xa que a golaveraxe deixaríaos en último lugar desa pouco plausíbel combinación. Porén, un escenario máis realista é outro no que se asume que a Real Sociedade será quen de sumar polo menos un punto nos próximos dous partidos, polo que podería darse un triplo empate entre Betis, Celta e Vilarreal que deixaría a escuadra galega en sétimo lugar e, polo tanto, clasificada para a Conference League.

Bilbao Athletic-Celta B, dupla final celeste

Cando o choque entre Celta e Barcelona estea a piques de chegar ao seu final, concretamente ás 20.15 horas, dará comezo en Villanueva de la Serena (Badaxoz) a fase de ascenso á Segunda División co partido entre Bilbao Athletic, o filial dos leóns, e o Celta B. O gañador será quen pelexe a próxima semana por un posto na categoría de prata, pero ante a relevancia de ambos os encontros, Eduardo Coudet e o seu homólogo do filial, Onésimo Sánchez, terán que chegar a un acordo sobre o número de xogadores do que se pode permitir prescindir o adestrador pucelano para reforzar o primeiro equipo.

Lugo: gañar ou gañar

Aquí non hai debate nin reflexión profunda posíbel, o Club Deportivo Lugo ten que gañar se non quere descender á Primeira RFEF. Será difícil, pois os albivermellos non saben o que é a vitoria desde hai catro meses e o rival é un Mirandés instalado nunha cómoda oitava posición. Porén, os de Rubén Albés notarán a forza da afección por vez primeira nesta tempada, o que debería ser un factor diferencial nun partido programado para o día de mañá ás 18.30 horas.

O talentoso Hugo Rama explicitou a visión que ten o cadro de xogadores do regreso do público cun contundende "é a hostia". "Semella que o destino quere que, no momento máis importante do ano, a xente estea connosco -engadiu o centrocampista-, e entendo que a afección estea doída, pero necesitámola, e queremos vela no campo". 

Con respecto ao rival, o galego apuntou que o Mirandés "é un equipo forte, con moita calidade e que imprime moito ritmo ao xogo", mais mostrouse confiado en que sexan quen de "cambiar a dinámica" na que está inmerso o Club Deportivo Lugo. "No fútbol todo dá moitas voltas, como cambiou o tema en poucos meses... mais penso que, loitando entre todos, salvarémonos", concluíu.

Comentarios