Os galegos da Segunda B afrontan o penúltimo envite

O Pontevedra e o Coruxo aínda teñen máis percorrido por diante no grupo por eludir o descenso á Terceira, pero o tempo esgótase para Celta B, Deportivo e Rácing, que afrontan a penúltima xornada do campionato coa imperiosa necesidade de conseguir os tres puntos se queren meterse no 'play-off' e garantir a Primeira RFEF, respectivamente.
Riazor (na imaxe) e Balaídos optan a recibir a Copa do Mundo. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera 5.000 persoas estarán apoiando o Dépor nas bancadas de Riazor, un novo récord desde o comezo da pandemia. (Foto: RC Deportivo).

A Segunda División B máis atípica de todos os tempos encara a súa recta final con todo por decidir para os representantes galegos na categoría de bronce, coa única excepción da Sociedade Deportiva Compostela, quen xa dixo adeus ás súas aspiracións de militar a vindeira tempada na nova Primeira RFEF.

Polo contrario, Rácing Club de Ferrol e Deportivo da Coruña poderían certificalo matematicamente esta mesma fin de semana se son quen de superar os seus compromisos cun triunfo. Así, os Diaños Verdes, líderes do grupo con 36 puntos, reciben na Malata (mañá ás 17 horas) o terceiro clasificado, Numancia, que conta con 34. 

Os precedentes máis inmediatos entre sorianos e ferroláns non foron favorábeis aos intereses galegos, pois o Numancia non sabe o que é a derrota nos seus seis anteriores enfrontamentos, dos que se fixo cos tres puntos nos catro últimos. Porén, existen razóns fundadas para crer que esta estatística tan negativa quedará desfasada na  tarde de hoxe, pois o Rácing leva cinco xornadas sen encaixar nin un só tanto na Malata e, o que resulta aínda máis importante, no coliseo departamental estarán un total de 1.000 afeccionadas e afeccionados apoiando o equipo cos seus cánticos.

Nunha situación semellante está o Dépor, pois en Riazor congregaranse 5.000 almas, na que será a maior concentración de persoas na Galiza desde o inicio da pandemia. Isto supón un plus de motivación para uns xogadores branquiazuis que levan toda a semana protagonizando declaracións nas que deixan clara a transcendencia do choque deste domingo ás 19 horas ante o Langreo, ao que chegarán sabendo o resultado do Rácing-Numancia, completando así a terna de equipos que se disputan as dúas prazas que dan acceso á Primeira RFEF.

Lamentabelmente, e como vén sendo habitual ao longo dos últimos anos, as circunstancias extradeportivas que rodean o conxunto branquiazul moveron o foco da atención, e na cidade herculina falouse máis do futuro salario do Consello de Administración ou da saída de varios futbolistas cando remate a tempada que do encontro ante a UP Langreo.

Pola súa banda, o outro equipo galego do grupo 1-D, o devandito Compostela, xogará o seu penúltimo encontro da tempada no Estadio Vero Boquete o domingo ás 17 horas, onde colidirá co fechacancelas Marino de Luanco sen máis incentivo que facer gala do seu profesionalismo.

Inercia positiva celeste

No bloque superior, o Celta B chega á fase decisiva da rolda coa inercia positiva da contundente goleada ao Valladolid B e sabendo que o seu rival deste domingo (12 horas), a Cultural Leonesa, non puido facer nada ante o poderío dos de Onésimo Sánchez no partido de ida, no que a "Cultu" perdeu por 0-3. Ademais, tamén poderá contar co apoio da parroquia celeste en Balaídos, onde está autorizada a ocupación de 2.500 localidades.

Oportunidade de ouro para eludir a Terceira

Finalmente, Pontevedra e Coruxo, que aínda teñen por diante catro partidos para tratar de eludir o descenso á terceira división no grupo 1-E, contan no día de mañá cunha oportunidade de ouro para dar un paso de xigante nesta misión e deixar practicamente asegurada a súa presenza na Segunda RFEF.

Os granates, segundos clasificados con 27 puntos, visitan a casa do Covadonga, último da liga, ás 12 horas, mentres que os vigueses, líderes cun punto máis que o Pontevedra, tamén viaxan até Asturias para enfrontarse á mesma hora co antepenúltimo, Sporting B, sabendo que un triunfo garantiría un cómodo colchón de puntos co que afrontar as derradeiras e decisivas datas de campionato.

Comentarios