Fútbol

Novo formato: así será a nova UEFA Champions League

Cambia a tradicional fase de grupos por unha liga.
O Manchester City de Haaland (sostendo o trofeo) é o vixente campión. (Foto: EP).
photo_camera O Manchester City de Haaland (sostendo o trofeo) é o vixente campión. (Foto: EP).

A UEFA, o organismo reitor do fútbol a nivel continental, presentou o novo formato da Champions League a partir da tempada 2024/25, unha reforma aprobada o 10 de maio de 2022 tras a decisión do ente de dar entrada a un sistema alternativo en abril de 2021. 

Isto, por suposto, está directamente relacionado coa ameaza da Súperliga europea que promoven Real Madrid e Fútbol Club Barcelona, de aí que o presidente da UEFA, Aleksander Čeferin, salientase especialmente o "compromiso e o respecto" da organización que dirixe "cos valores fundamentais do deporte e a defensa dun principio chave, o das competicións abertas, cunha clasificación baseada no mérito deportivo e na solidariedade", pois este punto é o que máis se lle critica á alternativa proposta por Florentino Pérez e Joan Laporta.

O cambio fundamental das reformas presentadas polo Comité Executivo da UEFA é o abandono da fase de grupos do formato actual. Así, se a presente tempada da Champions League inclúe 32 participantes divididos en oito grupos de catro, a partir da campaña 2024/25 os 36 clubs contendentes disputarán unha rolda inicial que adoptará o modelo dunha liga regular "para dar a catro equipos máis a oportunidade de competir contra os mellores clubs de Europa".

Isto quere dicir que as escuadras xa non xogarán dúas veces contra tres rivais -na casa e fóra-, senón que pasarán a enfrontarse a oito bloques diferentes en compromisos de ida e volta. Para determinar eses oito rivais os 36 clubs contendentes dividiranse inicialmente en catro bombos. A continuación, cada un colidirá con outros dous de cada un destes bombos.

O obxectivo da UEFA, competencia á Súperliga a un lado e polo menos de forma oficial, é "aumentar as posibilidades dos e das afeccionadas de que vexan os mellores equipos enfrontarse máis a miúdo nas primeiras fases da competición", o que dará lugar "a partidos máis competitivos para todos".

Unha vez que conclúa esa fase ligueira, os oito primeiro avanzarán automaticamente aos oitavos de final, mentres que os situados entre os postos nove e 24 deberán disputar uns play-off a duplo partido para asegurarse o boleto. De oitavos para adiante a Champions seguirá o formato vixente na actualidade e desde hai varias décadas.

Comentarios