O Trofeo Cidade de Narón reunirá o mellor do tiro con arco en sala

A veterana proba celebra a súa maioría de idade.
Miguel Alvariño é a principal atracción do certame. (Foto: COE).
photo_camera Miguel Alvariño é a principal atracción do certame. (Foto: COE).

Unha das competicións de tiro con arco indoor máis veteranas do panorama galego, o Trofeo en Sala Cidade de Narón, alcanzará este próximo sábado, 25 de novembro, a súa décimooitava edición.

O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta terza feira xunto con Anxo Grandal e Víctor Matesanz, vicepresidente e tesoureiro, respectivamente, do Club Arco Narón, un torneo no que se congregarán preto dun centenar de arqueiros chegados desde todos os currunchos da Galiza co obxectivo común de facerse co título nas instalacións do Pavillón Municipal Campo da Serra.

Desde a organización indicaron que esta será a primeira ocasión na que se convocarán en Narón dúas novas categorías, unha para persoas "con deficiencias visuais, na que participarán dúas persoas do club naronés e outra dun de Valdoviño", e outra "de persoas con deficiencias intelectuais, con dúas persoas participantes tamén do club naronés". Grandal indicou que tamén será da partida o pontés Miguel Alvariño, a quen definiu como "o mellor arqueiro do Estado de todos os tempos e  con moita diferenza".

As persoas convocadas, pertencentes a 15 clubs galegos, representarán a todas as categorías, desde os nove até os 70 anos. As menores de idade tirarán desde unha distancia de 12 metros, mentres que o resto desde os 18, en horario de mañá e tarde a partir das 9.30 e desde as 15 horas.

O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, destacou o labor do club Arco Narón, a quen salientou como "un exemplo no mundo da inclusión no ámbito deportivo", o que considerou "moi importante e esencial para a sociedade". O edil desexoulles "moita sorte", e animou os e as integrantes do conxunto local a "continuar traballando como nos últimos anos".

Comentarios