Kayak Cross

VÍDEO | O tomiñés Manu Ochoa logra un billete para París

O padexeiro galego vence na final de kayak cross da Copa do Mundo de Praga e logra unha praza para esta nova modalidade nos Xogos Olímpicos que a Federación decidirá a próxima semana a quen lla asigna.
O palista tomiñés Manu Ochoa, este domingo, en Praga. (Foto: RFEP)
photo_camera O palista tomiñés Manu Ochoa, este domingo, en Praga. (Foto: RFEP)

Nova vitoria para o olimpismo galego. O piragüista tomiñés Manu Ochoa impúxose este domingo aos seus rivais na final de kayak cross —modalidade que se estreará no programa olímpico este ano en París— na Copa do Mundo de piragüismo slálom de Praga (República Checa), outorgando así unha praza nos Xogos á Federación Española de Piragüismo.

A Federación xa tiña garantida a presenza en París da vasca Maialen Chourraut e o catalán Miquel Travé, mais neste preolímpico de Praga estaba en xogo unha praza para competir exclusivamente nesta nova disciplina. O propio Travé loitaba polo triunfo tamén en kayak cross, mais quedou eliminado en dezaseisavos de final, e canda el participaban David Llorente e mais Ochoa, ambos os dous presentes nunhas semifinais nas que un gran descenso deu a vitoria ao galego en detrimento dun Llorente que rematou terceiro.

Xa na gran final, e coa tranquilidade de por alcanzala ter xa asegurada a praza para a Federación —había tres en xogo para catro padexeiros, mais ao competiren dous franceses polos metais e só poder optar a un dos billetes a París quedaban xa repartidas—, Manu Ochoa quixo lucirse. Superou ao alemán Tillmann Roeller e o francés Boris Neveu —o seu compatriota Mathurin Madore foi eliminado— e colgou do pescozo o seu primeiro ouro nunha proba internacional.

A Federación decide

Se ben a lóxica diría que, ao ser Ochoa o vencedor, debería ser el quen competise en París, a praza non é nominal, e agora está en mans da Federación decidir a quen envía como representante aos Xogos. Unha decisión que tomará na semana do 17 ao 23 de xuño, pois agora os padexeiros viaxarán a Cracovia (Polonia) para participar na terceira Copa do Mundo como previa á gran cita deste verán.

Xa están clasificados a París, dentro do piragüismo slálom, Maialen Chourraut, Pau Echaniz, Miquel Travé e Miren Lazkano, tres deportistas naturais de Euskadi e un de Catalunya. Agora a Federación decidirá se non envía ningún representante máis ou se concede a outro padexeiro, quizais a Ochoa, a praza na modalidade de kayak cross para completar así coa convocatoria o 'Galeusca' neste deporte.

Comentarios