Tariku busca rachar coa barreira dos 2.06 en Valencia

O maratoniano galego, contra a historia.
Tariku Novales. (Foto: Nós Diario).
photo_camera En 2022 xa rachou coa plusmarca da Galiza na cidade do Turia. (Foto: Sportmedia).

Ambicioso como poucos, un ano despois de voar sobre o circuíto á beira do Turia o galego Tariku Novales busca este sábado un lugar no olimpo dos deuses do maratón rachando co récord non da Galiza, que xa posúe desde que nese glorioso 4 de decembro de 2022 completase os 42,195 quilómetros 2.07.18. Non. Agora aspira a facerse coa plusmarca estatal, que desde o pasado ano 2022 está en propiedade de Ayad Lamdassem (2.06.25).

O maratón de Valencia é a proba arredor da que Novales leva artellando toda a tempada, priorizándoa por encima incluso dun Campionato do Mundo no que rematou vixésimo primeiro, e todo cunha trindade de obxectivos en mente: arrebatarlle o récord de España a Lamdassem, rachar coa barreira psicolóxica dos 2.06 e, quizais a máis importante, garantirse un boleto para estar nos Xogos Olímpicos de París. 

Na capital ché o galego compartirá competencia nunha proba que alcanza a súa edición número 33 con outras 33.000 persoas, entre as que se inclúen participantes do nivel de Kenenisa Bekele -campión olímpico dos 10.000 metros en 2004 e 2008 e dos 5.000 en 2008-, Almaz Ayana -medalla de ouro dos 10.000 en Río 2016- ou Joshua Cheptegei, primeiro nos 5.000 nos recentes nos recentes Xogos de Toquio. 

O Trofeo Abanca reúne medio milleiro de atletas

Como cada ano, a gran cita das categorías de promoción do atletismo en pista cuberta, o Trofeo Abanca, regresará ao sintético de Expourense o día 3 de decembro, en xornada matutina e vespertina.

Desta vez son un total de 48 equipos de todo o país os que tomarán parte nesta "festa do atletismo base", tal e como a definen desde a Federación Galega de Atletismo (FGA), e todo iso baixo a atenta mirada dun importante número de adestradoras e técnicos que estarán atendendo e acompañando as preto de medio milleiro de atletas inscritas das categorías Sub-10, Sub-12 e Sub-14.

Nesta décimo primeira edición as entidades da Sociedade Ximnástica de Pontevedra e a do Atletismo Narón presentan conxuntos no total das seis categorías posíbeis, destacando de igual modo o equipo do Adas Cupa con cinco escuadras e os da Atlética Lucense, A Purísima, Ourense Atletismo, e Atletismo Sada, con catro.

Comentarios