Sólido triunfo do Celta ante o Brentford

Vence por 1-3 en Inglaterra o décimo clasificado da Premier League. Iago Aspas marcou un golazo polo que foi felicitado até polo colexiado.
Iago Aspas, no momento de lanzar un mísil en forma de balón a 35 metros da portería rival que supuxo o terceiro gol dos celestes. (Foto: RC Celta).
photo_camera Iago Aspas, no momento de lanzar un mísil en forma de balón a 35 metros da portería rival que supuxo o terceiro gol dos celestes. (Foto: RC Celta).

White Christmas para o Real Club Celta de Vigo, que con neve nas bandas dun dos campos do Robert Rowan Performance Center de Londres logrou un novo triunfo a costa do Brentford (3-1) no seu terceiro e derradeiro partido da mini pretempada invernal que está desenvolvendo a causa da parada imposta polo Mundial na Primeira División. 

E iso que a cousa non pintaba ben, pois o seu rival, o décimo clasificado da Premier League, abriu o marcador cando tan só transcorreran 35 segundos desde que o colexiado indicara o comezo do encontro. 

O once de Carvalhal podería ser o que use no próximo partido ligueiro

A causa foi unha descordinación defensiva colectiva dun equipo  que saíu de inicio con Marchesín en portería, defensa de cinco con Kevin, Mingueza, Unai, Domínguez e Javi Galán; un dobre pivote no centro do campo conformado por Renato Tapia e Gabri Veiga e unha liña ofensiva con tres homes, sendo os escollidos Franco Cervi, Iago Aspas e o xigante noruegués Jørgen Strand Larsen.

O contratempo inicial non fixo que Carvalhal modificara a súa aposta por probar a defensa de cinco, axiña recompensada polo bo facer dos seus homes, que controlaron o balón e conseguiron o empate no minuto 23, logo dunha boa combinación entre o Zar das Bateas e Larsen materializada polo galego, unha sociedade goleadora que debe ser moito máis frutífera do que demostrou na primeira parte da tempada se a escuadra olívica aspira a fuxir definitivamente da zona baixa da clasificación.

Despois das táboas tampouco cambiou a tónica do encontro, chegándose 1-1 a un descanso no que Carvalhal substituíu un defensa (Domínguez) por un mediocampista (Óscar), aínda que non modificou a táctica, retrasando o peruano Tapia ao centro da defensa. 

Iago Aspas marcou un tanto que o levou a recibir a felicitación do mesmísimo colexiado.

E, de novo, a fidelidade coas súas ideas tivo premio en forma de gol, pois no 47 Larsen enviaba o balón ao fondo das redes defendidas polo canteirán do Brentford Ben Winterbottom, quen tampouco puido facer nada ante o terceiro e definitivo tanto do Celta, un gol que, de marcarse no Mundial, aspiraría seriamente a ser o mellor do torneo. No 54 Aspas recibe rodeado de contrarios, levanta a cabeza e dispara un mísil desde 35 metros que entra con forza nas redes do prometedor meta inglés.

Comentarios