A Segunda B, máis aberta que nunca para os equipos galegos

O triunfo branquiazul ante o Celta B e o empate do Compos fronte o Zamora deixan abertas todas as posibilidades na Segunda B de cara á última xornada, que será en horario unificado o 28 de marzo a falta de que o Rácing de Ferrol dispute os seus partidos adiados pola Covid-19. Pola súa banda, Lugo e Celta sumaron senllos empates que os achegan ao obxectivo da salvación.
Tras o tanto de Miku no '18, o partido de ida entre Deportivo e SD Logroñés, xogado en outubro, os coruñeses deixáronse empatar no minuto 94. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O dianteiro venezolano Miku reivindicouse cun 'hat-trick' ante o Celta B en Barreiro. (Foto: RC Deportivo).

Todos os escenarios abertos de cara á derradeira xornada no grupo galego da Segunda División B. Os resultados que se produciron na fin de semana, xunto cos partidos que ten pendentes por disputar o Rácing de Ferrol ante Coruxo e Guixuelo -e que foron adiados a causa do gromo de Covid-19 no seo dos ferroláns-, abriron un panorama de incertidume ante a resolución da competición, o que obrigou a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) a programar unha derradeira xornada unificada que se disputará o vindeiro domingo 28 de marzo ás 12 horas.

Namentres, os Diaños Verdes recuperarán o encontro contra o Coruxo no día de mañá, ás 12.30 horas, e o do Guixuelo -a falta de confirmación oficial- con case total probabilidade no domingo 21 de marzo. 

O choque ante o Coruxo terá lugar tan só tres días despois do regreso aos adestramentos, logo dunha parada de case dúas semanas, o que pode ser un hándicap de cara ao rendemento sobre o céspede dun equipo que necesita gañar ambos os partidos adiados se quere continuar con opcións a loitar polo ascenso á Segunda División.

Quen aínda se aferra a esa posibilidade é o Real Club Deportivo, que superou o Celta B en Barreiro por cero goles a tres, con 'hat-trick' do venezolano Miku. No medio dun ambiente moi hostil, os coruñeses disputaron seu o mellor partido en dous anos e sitúanse a un punto do filial celeste, que fecha os postos de promoción.

Máis complicado o ten a Sociedade Deportiva Compostela logo de empatar na casa do líder Zamora (1-1), e só unha carambola rocambolesca introduciría os da capital no play-off.

Pola súa banda, e nun derbi que resultou un tanto opacado polo Celta B-Dépor, o Pontevedra gañou por 3-0 ao Coruxo e matematicamente aínda pode evitar a fase de descenso.

Lugo e Celta deixan escapar dous puntos

A piques estivo Luís César de lograr ante o Xirona o seu primeiro triunfo como técnico albivermello, mais un tanto de Sylla no minuto 90 anulou o gol inicial do mauritano El Hacen.

En Balaídos, mentres tanto, un sobrio Celta aínda non matematicamente salvado tivo opcións para facerse coa vitoria, pero non foi quen de perforar a portaría do Athletic de Bilbao (0-0).

Comentarios