O 'dobre ou nada' para Deportivo e Celta B en Barreiro centra os focos da xornada futbolística galega

O derbi entre Celta B e Deportivo acapara os focos nunha Segunda División B na que o Rácing volve ser baixa pola Covid-19. O primeiro equipo celeste, pola súa banda, recibe en Balaídos o Athletic de Bilbao, mentres que o Club Deportivo Lugo visita Xirona coa firme intención de retomar a senda da vitoria mes e medio despois.
Vitoria do Celta B en Riazor contra o Depor (RCDeportivo)
photo_camera A derrota na ida ante o Celta B acabou custándolle o cargo tanto a Fernando Vázquez como a Vidal. (Foto: RCDeportivo)

Parece que foron anos, pero mañá hai exactamente tres meses desde que o Celta B lle inflixira ao Deportivo en Riazor o que unha parte considerábel da parroquia branquiazul considerou como a derrota máis dolorosa na historia da centenaria entidade coruñesa.

A transcendencia dese duro tropezo foi alén de perder tres puntos ante o filial do eterno rival, pois conseguiu desestabilizar por completo un equipo que até aquel entón era líder da categoría con só dous goles encaixados en todo o campionato e que hoxe, a falta de dúas xornadas para o final da liga, pena na sexta posición a catro puntos do último posto que dá acceso para xogar o play-off de ascenso a Segunda e que, precisamente, ocupa un Celta B que practica o mellor xogo da categoría.

Xa que logo, calquera cousa que non sexa volver para A Coruña cun triunfo será a fin definitiva das escasas opcións branquiazuis de militar o ano que vén na Segunda División, mentres que un empate ou unha vitoria celeste, a falta de coñecer o que aconteza cos partidos adiados do Rácing de Ferrol a causa da Covid-19 e o que faga o Compostela na casa do co-líder Zamora, practicamente garantiría que os de Onésimo optarán a disputar a categoría de prata por primeira vez na historia.

O Compos atópase nunha situación practicamente análoga á do Deportivo, co que está empatado a puntos na táboa, e a pesar de que podería beneficiarse dun hipotético triunfo coruñés en Vigo, de nada servirá se non é quen de imporse a un Zamora que chega mermado polas numerosas baixas por lesión de homes como Mapisa, Coque, Adri Herrera ou Juanan.

Finalmente, un Pontevedra que dixo adeus a toda opción de play-off a pasada xornada ante o Deportivo encara esta penúltima xornada ligueira cun obxectivo non menos importante: apurar as súas últimas opcións para fuxir dos postos de descenso a Terceira División.

Enfronte terá un Coruxo que visita Pasarón cun punto menos que os granates e cunha inercia positiva de tres partidos sen perder que se viu interrompida polo descanso obrigado a causa do adiamento do compromiso ante o Rácing de Ferrol.

Oitavo contra noveno clasificado en Balaídos 

O primeiro equipo celeste atópase nunha situación peculiar, pois a falta de 12 partidos para o final da Liga suma 33 puntos, polo que a permanencia semella practicamente garantida, pero os nove que os separan dos postos europeos parecen abocar o Celta a vagar por terra de ninguén até o final da tempada.

Por iso, o partido ante o Athletic de Bilbao, oitavo clasificado e co que está empatado a puntos, pode supor a derradeira oportunidade para que os do Chacho Coudet se enganchen a un tren europeo que ten o sempre irregular Betis de Pellegrini no furgón de cola.

O once do preparador arxentino presenta varias incógnitas ante as numerosas baixas celestes. Na portaría, o mancado Rubén Blanco será substituído por Iván Villar, mentres que Kevin ocupará a praza do sancionado Hugo Mallo. Ademais, Holsgrove reforzará o filial ante o vital compromiso ante o Deportivo.

Luís César quere gañar

Finalmente, na categoría de prata o galego Luís César Sampedro pretende conseguir a súa primeira vitoria nesta segunda etapa á fronte do Club Deportivo Lugo nun campo tan complicado como é Montilivi, onde os albivermellos competirán contra o Xirona hoxe ás 18.15 horas.

En total, son xa seis partidos os que leva o Lugo sen sumar de tres en tres, máis de mes e medio, polo que un novo fracaso comezaría a complicar unha permanencia na Segunda Divisón que a finais de xaneiro parecía moito máis que asegurada.

Comentarios