As San Silvestres: carreiras con tradición e ganas de despedir o ano facendo deporte

San Silvestre de Ares de 2025. (Foto: Concello de Ares)
Esta cuarta feira córrense as últimas San Silvestres do calendario da Federación Galega de Atletismo, carreiras na que moitos e moitas deciden participar para despedir o 2025 facendo deporte. Rematar o ano correndo cos disfraces máis extravagantes xa é costume.

As carreiras de San Silvestre veñen dunha tradición orixinada hai case un século en Brasil, inspiradas nunha carreira nocturna que se realizaba en París e na que os participantes corrían con antorchas. Desde entón a tradición desta popular carreira percorre todo o mundo, incluída Galiza.

Este ano a Federación Galega de Atletismo determinou 11 carreiras de San Silvestre oficiais en diferentes concellos da Galiza. Na Coruña desfrutáronse xa en Fene, O Pino e Ares-Mugardo e, en Ourense xa se celebrou tamén a San Silvestre no concello da Rúa. Esta cuarta feira celebraranse en Neda, Ordes, Santiago de Compostela e Narón (na provincia da Coruña); en Castrelo de Miño e na cidade de Ourense; e en Vigo. Non obstante, estas non son as únicas San Silvestres que se celebran na Galiza, senón que hai moitas máis a pesar de non ser oficialmente organizadas pola Federación Galega de Atletismo. Cidades como Tui, Cangas, Lugo, Melide ou Vilalba atópanse entre moitas outras que tamén continúan esta tradición popular para despedir o ano facendo deporte.

Na San Silvestre participan grupos de amigos, familias, os máis pequenos e pequenas e as persoas adultas. Independentemente diso, moitos participan na carreira para desfrutar, mentres que outros prefiren facelo a un nivel máis competitivo. As propias carreiras celébranse de distinta maneira: en Ourense, por exemplo, os premios que se entregan tras a carreira son de carácter competitivo e teñen un trofeo para cada categoría e medallas para os participantes máis pequenos, tal e como comentaba Óscar Seoane, organizador da carreira en Ourense e presidente do Club Ourense Atletismo a Nós Diario. Noutros concellos como o de Vigo os premios non se outorgan a nivel competitivo, senón que son doutro carácter, como o mellor disfrace, en categorías grupal, individual e infantil. Ademais, os premios non son trofeos, senón lotes de produtos de festas do Nadal. En Compostela, por exemplo, a organización opta por ambas as dúas vías, con premios pola clasificación competitiva e por mellor disfrace.

O que está claro é que cada ano máis xente móstrase interesada por esta tradición popular, ou polo menos así o amosan os datos das últimas participacións. Nesta edición bateuse récord de inscricións en varias carreiras, entre elas a de Vigo, que alcanzou as 5.935 inscricións para participar na San Silvestre esta cuarta feira, tal e como confirmou David Posada, organizador do evento, a Nós Diario. Outras organizacións de localidades como Ourense ou Compostela tamén se mostran satisfeitos polo nivel de participación deste ano. “É un éxito rotundo porque superamos moitísimo o número de participantes de edicións anteriores. O ano pasado non chegamos aos 2.000 e este ano os pasamos”, sostiña Óscar Seoane sobre a San Silvestre da cidade de Ourense.

Segundo Suso Silva, organizador da San Silvestre de Compostela, o obxectivo principal é “facer carreiras de curta distancia que poida correr todo o mundo. No noso caso son 5 quilómetros, que se poden facer andando se é necesario”, comentaba ao xornal. “Damos cabida a que poidan participar persoas que fan moito deporte e tamén a quen non o fai nunca, o importante é que a San Silvestre sexa saúde e diversión para todos e todas as participantes”, engadía. David Posada, organizador da San Silvestre de Vigo pensa practicamente o mesmo acerca do obxectivo desta tradición. “Ao final é unha carreira que ten a intención de ser unha festa do deporte, unha forma de despedir o ano facendo deporte e pasándoo ben. Non é unha proba na que se busquen resultados competitivos, o obxectivo é así de simple: pasalo ben facendo deporte”.

Ese é o obxectivo principal desta tradicional carreira que ten tanta popularidade, porque despedir o ano facendo deporte cos amigos e a familia pode ser unha boa opción xa que ademais de pasar un bo rato en boa compañía, ou en soidade, tamén é unha alternativa saudábel e segundo Seoane é "unha boa forma de facer espazo no estómago para a cena de fin de ano, na que sempre adoitamos comer bastante máis do normal".

Unha tradición con moitos anos tras de si

A San Silvestre é unha carreira que leva moitos anos celebrándose en distintos concellos da Galiza. A que se celebra no concello de Ribadeo, na provincia de Lugo, cumpre este ano 35 edicións. Tamén a de Vigo está de celebración e será unha carreira especial, pois leva xa 20 anos organizándose na cidade pontevedresa, núcleo do Nadal galego desde os  últimos anos coas luces e os populares adornos. Normalmente estas carreiras celébranse a última xornada do ano, mais hai cidades e grupos de organización que a adiantan uns días ou que incluso a atrasan, como é o caso da San Silvestre de Cerceda, na Coruña, que nesta edición está fixada para o próximo 4 de xaneiro.

O reto de organizar as San Silvestres na Galiza

Organizar unha San Silvestre non é doado, tal e como comentan algúns organizadores. “A xente ten moita conciencia mais tentamos sempre molestar o menos posíbel para non interferir na vida cidadán”, afirma Óscar Seoane, organizador da carreira de Ourense. “O que queremos sempre é que a xente saia contenta e con ganas de volver que, polo que estamos vendo, hai moitas”. “Tamén tentamos evitar lesións e que ‘os pitufos’, os máis pequenos, non caian”, engadía na conversa con Nós Diario, na que tamén facía referencia á dificultade de repartir todos os dorsais para a actividade.

David Posada, da organización de Vigo, afirma que “o máis complicado nesta cidade é fixar os percorridos polo grande tránsito de xente que visita a cidade desde o crecemento exponencial do Nadal en Vigo”. Para a organización de Compostela, da que forma parte Suso Silva, “o máis complicado é que ten que primar a seguridade por diante de todo”. “Por normativa deberiamos ter dúas ambulancias, mais temos catro, porque queremos que prime a seguridade”, engadía. “Este ano cambiamos un pouco o percorrido, aínda que a saída e a chegada seguen a ser na praza do Obradoiro, pois para garantir a seguridade e dado que agora tamén se celebran tardeos ese día, quixemos evitar a zona de pubs para evitar algún problema”.