Marco Garcés afronta o mercado de fichaxes do Celta con moitos deberes por diante
Xaneiro preséntase como un mes fundamental na tempada do Celta. Por un lado, polo aspecto deportivo. Nas próximas semanas, o equipo vigués terá partidos de Liga ante rivais dun nivel similar ao seu, o que lle pode permitir asentarse nos postos altos da clasificación e loitar por outra clasificación europea. Precisamente, a Europa League marcará o remate de mes, xa que os celestes buscarán pasar de rolda nos dous últimos partidos da primeira fase. Pero non só hai moito en xogo no campo, e é que os despachos terán moita importancia no que ocorra nos próximos meses e anos.
Pasadomañá abrirá o mercado de fichaxes de xaneiro, que se alongará durante todo o mes. Unha ventá utilizada por moitos equipos que non o fixeron ben na primeira metade de tempada, que están lonxe dos seus obxectivos ou que precisan un pulo para mellorar o conseguido até o momento. Non parece estar o Celta en ningún destes escenarios, pero a verdade é que o seu director deportivo, Marco Garcés, ten moitos deberes por diante para facer máis forte un plantel que, desde agora, terá dúas competicións por diante tras a eliminación na Copa do Rei.
Durante o pasado verán, a secretaría técnica e Claudio Giráldez acordaron ter un cadro de xogadores moi amplo para afrontar con garantías partidos cada tres ou catro días. E a verdade é que o adestrador utilizou case todos os xogadores con maior ou menor frecuencia. Agora, sen a Copa, esa necesidade xa non ten sentido en Vigo e parte dos deberes que ten Garcés vai encamiñada a ter menos xogadores, algo importante no día a día para mellorar a calidade dos adestramentos e tamén para evitar enfados de futbolistas que xoguen pouco ou nada. Pero non é o único no que debe centrarse.
Vendas
O máis urxente que debe afrontar Marco Garcés son as saídas, sobre todo aquelas que poden deixar algo de diñeiro na economía do club. Luca de la Torre e Tadeo Allende rematan as súas respectivas cesións en San Diego e Inter Miami e ambos os dous aínda teñen contrato co Celta. A idea do club é que ningún quede en Vigo máis aló do mes de xaneiro, e de feito o centrocampista non foi citado para volver aos adestramentos –algo que si fixeron co atacante arxentino–.
En A Sede saben que son os únicos xogadores que poden traer millóns á entidade. De feito, tal e como publicaron medios estadounidenses, De la Torre está perto de asinar polo Charlotte, da MLS, que pagaría un traspaso pequeno ao Celta. Por Allende, mostraron interese varios equipos dos Estados Unidos, México e Arxentina, con River Plate á cabeza. De momento, as ofertas non están a gustar en Vigo, aínda que cren que a súa boa tempada en Miami disparou a súa cotización e esperan propostas próximas aos 10 millóns de euros.
Outras saídas
O Celta precisa máis saídas que as dúas mencionadas. Agora mesmo, Giráldez ten 28 xogadores ao seu dispor e considérao un número excesivo. Nos despachos están a traballar en até tres ou catro saídas máis, sabendo que non van poder conseguir todas pola negativa dalgúns futbolistas a deixar Vigo. O que máis opcións ten de marchar é Aidoo, que negocia unha rescisión co Celta para marchar seis meses antes de que remate o seu contrato actual.
Outro caso similar é o de Franco Cervi, aínda que o arxentino dixo no club que non quere irse antes do 30 de xuño e parece difícil que mude de idea. Tampouco Marc Vidal, terceiro porteiro e único futbolista sen minutos. Distinta é a situación de Damián Rodríguez. O canteirán está xogando moito menos do que imaxinaba esta tempada e en Vigo queren que saia cedido para que poida ter minutos até maio. Se aparece un club que llos garanta, a súa saída pode ser unha realidade nas próximas semanas.
Fer López
Se o Celta consegue algunhas saídas, irá ao mercado buscar a "guinda" que pediu Claudio Giráldez: un centrocampista ofensivo con capacidade de último pase. Aí aparece o nome de Fer López, que quere abandonar o Wolverhampton, onde apenas xoga, e que sería recibido con brazos abertos en Vigo. É unha operación que leva semanas en marcha e que pode acelerarse nos próximos días se hai saída de xogadores. Se non chega o ex canteirán, o club buscará outro futbolista dun perfil similar.
Renovacións
Marco Garcés tamén deberá afrontar unha serie de renovacións clave. A que máis preocupa é a de Óscar Mingueza, que remata contrato en xuño e que ten moitos equipos detrás. É unha negociación difícil, e agora mesmo hai pesimismo no club respecto ao seu futuro, aínda que non deixarán de intentalo. Distinto é o caso de Fran Beltrán, co que aínda non falaron a pesar de estar na mesma situación que o catalán. O mexicano tamén revelou que contactará con Starfelt e Pablo Durán para tratar as súas renovacións, aínda que, no seu caso, teñen contrato até 2027.
Claudio Giráldez
Tamén está sobre a mesa o futuro do adestrador. Hai uns meses aseguraron a súa continuidade até 2027, pero no club queren que esa unión sexa por moito máis tempo e é previsíbel que comecen a falar proximamente. O que suceda neste mercado de fichaxes pode marcar o futuro de Giráldez no Celta.
O Celta chega a xaneiro coa enfermaría case baleira
O Celta voltou esta segunda feira aos adestramentos coa vista posta no partido do próximo sábado ante o València. Nun mes no que terá menos partidos do habitual pola eliminación na Copa do Rei, a boa nova é que Claudio Giráldez terá a enfermaría case baleira, o que lle vai pór as cousas difíciles á hora de facer as convocatorias e definir as aliñacións sen tantos encontros nos que poder facer rotacións.
O equipo foi de vacacións en decembro con varios lesionados. Borja Iglesias, Pablo Durán, Carlos Domínguez, Ristic ou Hugo Sotelo non viaxaron a Oviedo por distintos problemas físicos, e no Celta esperan que todos ou case todos poidan estar dispoñíbeis esta semana para chegar contra o València. Con 28 xogadores no vestiario e se todos están sans, Giráldez deberá facer cinco descartes, un número que espera que cedo sexa menor, xa que o club está a traballar en varias saídas, sobre todo de xogadores que non contan para o adestrador porriñés.
O que si parece máis complicado é que suban algúns xogadores do filial, como ocorreu nalgúns momentos da tempada. Nomes como os de Ángel Arcos, Óscar Marcos ou Hugo González están chamados a liderar o Fortuna e só volverán ao primeiro equipo se aparece outra praga de lesións nos próximos meses.



