O Celta busca rematar con 3.023 días de seca branca e o Lugo sumar fóra da casa

O Celta de Vigo recibe hoxe en Balaídos (22 horas) o actual campión de Liga e Champions, o Real Madrid, coa intención de lograr a súa terceira vitoria no que vai de século. O Lugo, pola súa parte, viaxa até Tenerife co obxectivo de sumar os seus primeiros puntos na tempada 2022/23.
O apoio da afección nas bancadas podería xogar un papel determinante no devir do Celta-Real Madrid de hoxe. (Foto: RC Celta).
photo_camera O apoio da afección nas bancadas podería xogar un papel determinante no devir do Celta-Real Madrid de hoxe. (Foto: RC Celta).

Quen podería esquecer ese duelo único entre Celta e Real Madrid edenizado nas memorias e que rematou 2-0 a prol dos celestes? Os momentos dos dous goles transformados por Charles antes e  despois do tempo de descanso vivíronse cunha descomunal intensidade nas bancadas. Pero tras ese triunfo en maio de 2014, o Celta iniciou unha negativa xeira de resultados unicamente interrompida polas táboas que asinaron na tempada 2017/18.

Con todo, para calibrar a magnitude da fazaña que supón derrotar, aínda que sexa na casa, o actual campión da Liga e da Champions League, é necesario seguir viaxando no túnel do tempo até 2001 para atopar a seguinte ocasión na que os celestes sumaron os tres puntos ante o Real Madrid, vencéndoo por un contundente 3-0 logrado por un cadro de xogadores -Cavallero; Velasco, Đjorović, Cáceres, Juanfran; Giovanella, Vágner, Gustavo López, Edú, Mostovoi; Catanha- que evoca inevitabelmente á nostalxia do Euro Celta.

Agustín Marchesín: "Para gañar ao Real Madrid teremos que rozar a perfección"

A chave para lograr repetir aquel fantástico resultado, aínda que soe a topicazo de xornalista deportivo, estará en que Eduardo 'Chacho' Coudet, técnico da escuadra viguesa, sexa quen de maximizar as virtudes dos seus homes para que o fagan "todo perfecto" e o Real Madrid, simplemente, non teña o seu día.

Así o manifestou o porteiro local, Agustín Marchesín, que recoñeceu ser "consciente" da magnitude do desafío, pero tamén mostrou "ilusión" por facer un gran partido.

O internacional arxentino será un dos once da partida en Balaídos. Con el estarán Javi Galán, Unai Núñez, Aidoo e Hugo Mallo; Fran Beltrán, Renato Tapia, Óscar Rodríguez e Franco Cervi; Gonzalo Paciência e Iago Aspas.

Pola súa parte, o preparador madridista, Carlo Ancelotti, terá á súa disposición todos os seus homes para un partido previsto ás 22 horas de hoxe. Polo tanto, salvo sorpresas de última hora, e logo de sufrir na xornada inaugural ante o Almería a causa das rotacións tras facerse coa Supercopa de Europa, optará por Courtois na portería; Alaba, Rüdiger, Militão e Carvajal en defensa; Camavinga, Tchouaméni -de non confirmarse o seu traspaso ao Manchester United, a súa posicion podería ser ocupada polo brasileiro Casemiro-, Modric no medio do campo; e o ex deportivista Fede Valverde, Vinícius e Benzema na dianteira.

Tenerife ten "seguro de sol"... e de puntos

Unha vella canción de 1968 cantaba aquilo de "Tenerife tiene seguro de sol", pero tamén de puntos para os visitantes do Heliodoro Rodríguez López, pois a pesar de ser un serio candidato ao ascenso de categoría -o conxunto canario vén de ser o mellor visitante do pasado campionato ligueiro-, tan só foi o décimo primeiro como local. 

Neste escenario, o Club Deportivo Lugo tratará de sacar petróleo das eivas do seu rival e resarcirse así da dolorosa derrota na primeira xornada de competición contra o recentemente ascendido Albacete do seu ex adestrador, Rubén Albés.

O extremo Sebas Moyano, quen semella que terá moito máis protagonismo esta tempada que na anterior, na que só disputou 795 minutos distribuídos en 19 partidos, sinalou antes do duelo lucense-tinerfeño que implementarán "cambios" para evitar novos "afundimentos" como o que sufriron ante o Queixo Mecánico: "Buscaremos a vitoria intentando aproveitar as nosas armas para gañar". 

Os galegos da Primeira RFEF quentan motores

A tan só unha semana do comezo da competición, os equipos galegos da terceira categoría quentan motores esta fin de semana con distintos amigábeis, destacando o Trofeo Concepción Arenal entre Rácing de Ferrol e Compostela (A Malata, hoxe, 20.30 horas) e o Deportivo-Bergantiños (Arteixo, mañá, 19 horas).

Comentarios