domingo 27/09/20
Caderno de Verán

Un 'bowl' cheo de skate

A disciplina do skateboard non deixa de medrar entre a rapazada galega. As escolas e as asociacións intentan desbotar os prexuízos das institucións públicas e demandan máis infraestruturas e que se constrúan de forma axeitada.
Un dos socios de WS Skaterboard School con alumnado (Foto: Loli Casas)
Un dos socios de WS Skaterboard School con alumnado (Foto: Loli Casas)

O  skate máis moderno sírvese xa nun 'bowl'. A mítica 'U' segue a ter presenza nesta cultura, mais sobre todo porque na Galiza chegamos tarde ás novidades coas que conta un deporte que está a piques de convertirse en olímpico. Cunha atleta ás portas dos Xogos e unha crecente demanda de clases para aprender a surcar a media tubaxe, as administracións parecen non acabar de sacudirse de enriba os estereotipos dos filmes americanos.

Din as e os fanáticos do patinaxe que hai unha resistencia a investir neste tipo de parques ao igual que o fan en campos de fútbol e baloncesto e pistas de tenis. "Faltan instalacións de calidade para os cativos e para a xente de máis nivel", reflexiona Samuel Vila, profesor de skate e copropietario da escolar WS Skateboard School

Cóntao no descanso dunha clase para as crianzas no marco dun campamento estival. "Hai xente maior pero o 80 ou 90% do noso alumnado son nenas e nenos en idade escolar, fóra da adolescencia", conta.

A fama desta práctica entre a rapazada non deixa de crecer e até algúns pais anímanse ao ver os progresos de fillas e fillos. O problema é cando se deixan as aulas privadas para saír ás rúas e atoparse sen espazos adaptados. "Agora estanse a facer infraestruturas porque non había moitas e a maior parte están mal construídas: é preciso contar con empresas especializadas", subliña.

"Actualmente están a xurdir instalacións públicas pero cun nivel moi precario de diseño e concepto", subliña Iván Maroño, da escola Skate Maroña Indoor. O di o entrenador de Júlia Benedetti, a única deportista galega que estará en Tokio 2021 "na modalidade park". 

O presidente da Asociación Oleirense de Skaters, Carlos Junquera, alude á loita que tiveron para conseguir o arranxo da pista de Bastiagueiro. Unha das queixas da entidade é que non haxa pistas públicas a resgardo nun país que está precedido pola fama da choiva. 

Para reclamar máis instalacións como o famoso 'bowl' que semella unha "piscina baleira redonda" que permite xiros en máis sentidos que a 'U' avisa de que este deporte atrae a persoas sanas con ganas de facer amizades.

comentarios