A pura raza galega chega á doma clásica

O Campionato de España de Doma Clásica con Ponis, rematou onte en Segovia. A Galiza estivo representada por dous deportistas lalinenses. Sálvora Vilariño e Martín Díaz, do club Hípico Juan Oliveira, estreábanse nesta competición coa singularidade de empregar, por primeira vez, cabalos de Pura Raza Galega.
Martín Díaz Rodríguez e Sálvora Vilariño López en Segovia, xunto á preparadora do Club Hípica Juan Oliveira, Kira Schäder (Foto: Nós Diario).
photo_camera Martín Díaz Rodríguez e Sálvora Vilariño López en Segovia, xunto á preparadora do Club Hípica Juan Oliveira, Kira Schäder (Foto: Nós Diario).

O Club Hípico Juan Oliveira de Lalín está a marcar un novo camiño para a disciplina de doma clásica na Galiza. A súa participación no Campionato de España, realizado entre o 20 e o 22  de xuño en Segovia, alén dos resultados, serviu de proba para a introdución nesta competición, por primeira vez, de cabalos cedidos pola asociación de criadoras e criadores de Pura Raza Galega (Purega)

A de Lalín foi a única representación galega, con Sálvora Vilariño López e Martín Díaz Rodríguez como deportistas que entraron na convocatoria. No caso da primeira, co cabalo Esqueiro, participou na categoría B, con exemplares de entre 1,10 e 1,30 metros de alzada. Pola súa parte, o segundo montou a Tímido, do Monte de San Roque,  na categoría C, de 1,30 a 1,40 metros. A competición completárona outros 34 participantes do resto do Estado español, nas categorías alevín e infantil, respectivamente. 

Apostar pola canteira

A chegada á presidencia da hípica lalinense de Fernando Rodríguez en xaneiro deste ano ten moito que ver con esta mellora na disciplina e a posta en valor dos cabalos do país. O responsábel do club é un experimentado xinete e adestrador que, após pasar por varios países estivo os último oito anos no Reino Unido, sempre ligado a este deporte.

En conversa con Nós Diario amósase satisfeito de que a entidade pasase de "40 rapazas e rapaces a máis de 80 na actualidade". Neste aumento da canteira ten moito que ver a alemá Kira Schäder que entrou como monitora do club. Coa idea de mellorala creou unha actividade denominada 'Poni Club' coa que achegar novas incorporacións. "É moi técnica e comezou a buscar binomios escollendo o cabalo para cada nena ou neno", explica Rodríguez. 

Ademais de sumar deportistas o club mellorou resultados no último ano. Na VI Liga interclubs de Doma Clásica da zona sur o Club Hipico Juan Oliveira de Lalin quedou no segundo posto na clasificación xeral e un primeiro posto na derradeira xornada.

Este ano están en primeiro lugar, posición que poderían manter esta tempada. "Agora contamos tamén cunha monitora de salto para experimentar e poder competir nun futuro non moi lonxano", indica o presidente do Juan Oliveira.

Sálvora Vilariño, exemplo de canteira  

Un dos exemplos desta canteira é a lalinense Sálvora Vilariño. Esta deportista entrou no mundo da hípica case por casualidade hai uns anos. "Un día, nunha festa na parroquia de Mouriscade, había moitos cabalos e ofrecéronme dar unha volta", conta a Nós Diario.

A experiencia gustoulle e entrou a formar parte da familia deportiva do Club Hípica Juan Oliveira. "Comecei a adestrar e cada vez tomeino como algo máis serio, xa non era só montar a cabalo, quería algo máis", asegura. Mostrou interese pola doma, un dos tipos de hípica máis comúns, malia que recoñece que "pode resultar algo aburrido ao principio, despois ten as súas características, ten moita máis técnica dentro do mundo da equitación".

Este mesmo ano, na segunda xornada da liga interclubs realizada en Coles, acadou o ouro en Rider 1A quedando primeira na clasificación territorial. A súa participación en Segovia foi, para esta deportista, unha introdución ao nivel internacional neste tipo de probas.

"Non viña a gañar, procurei facelo o mellor posíbel e para min foi unha experiencia moi boa e emocionante", sinala. No calendario xa ten apuntado para o 26 de xuño un concurso da liga en Mouriscade para logo descansar durante o que queda de verán. 

O futuro da doma clásica na Galiza

Para o presidente do club lalinense, o futuro da doma clásica na Galiza é "ben prometedor". Rodríguez lembra que cando comezou na hípica "había que marchar fóra ao non ter nin profesionais nin escolas que nos ensinaran".

Os tempos son outros e na súa opinión "medrou moito a súa práctica e agora hai moita calidade". Na mellora, entende, "tivo algo que ver a implicación da propia Federación" así como "a cantidade de probas que hai, o nivel de xinetes e de cabalos a disposición dos clubs". Sinala o exemplo de Martín Díaz "cuarto clasificado a nivel estatal".

O mérito da participación galega, admitida no propio campionato por outros clubs, foi o emprego de cabalos do país e do propio club. "Estamos orgullosos de que cabalos do monte, moi nosos, representen Galiza. E ademais cunha rapaza e un rapaz que defenderon o seu papel adestrando con cabalos da escola e non con animais preparados para competir", afirma o responsábel lalinense.

Comentarios