Opinión

U-lo mundo equino e a hípica nos nosos medios? Ulos?

Xaora que precisamos duns medios de comunicación de noso. Uns xornais, unhas emisoras de radio e unha televisión plurais, democráticos libres das manipulacións políticas e mesmo empresariais, libres das subvencións amistosas que repartan o diñeiro público dun xeito totalmente interesado e desleal e, por suposto, duns medios de noso que se centre nos intereses de todas as galegas e galegos e que transmitan a información na lingua do país: en galego.

Mais eu teño outra proposta (ou queixa), se cadra máis concreta e, se callar, non menos importante, que se centra no mundo do deporte (e, de forma colateral, no agrogandeiro e no medioambiental). Se queremos falar de liberdade, pluralidade, e incluso de cultura de noso a prensa e información da que falamos debería deslastrar e desaliñar dese xornalismo decimonónico do pasado. Paréceme perfecto que tamén se fale de fútbol e do sector vacún, no entanto, o problema é Galiza é moito máis ca iso e está nas mans dos xornalistas reflectir esa realidade.

Por exemplo, aínda non lin nada no Sermos Galiza, no Galicia Confidencial, no Xornal de Vigo nin no Praza (é basicamente a prensa que leo, para alén do Faro de Vigo ou algún outro xornal estatal) sobre a hípica galega. Será que algún/ha xornalista galego/a sabe/n que existe unha Federación Hípica Galega (FHG) que se atopa sediada en Vigo? Por que non hai practicamente nada na nosa prensa sobre do xinete coruñés Manuel Añón que, con quince anos, se proclamou campión de Europa xuvenil de salto de obstáculos no 2008 e campión absoluto de España no 2014? Por que non se sabe quen é o nigranés Alejandro Nande que, no 2015, cunha discapacidade visual do 80%, gañou o campionato galego absoluto e o estatal paraecuestre de doma clásica competindo cun cabalo criado e domado por el mesmo? Ou peor aínda, porque aínda fica na sombra para a práctica totalidade da prensa galega o nome de Félix Lorente Permuy, o xinete de raid ferrolán afincado en Ourense que se proclamou gañador da Copa 1* de España no 2009, da Copa Interautonomías e da Copa de España 1* de cabalos novos no 2011 e que acadou, no 2016, xunto co seu cabalo Kerkus, a Copa de España?

Outro tanto podería dicir sobre as novas que poidan aparecer sobre o mundo equino galego. Tristemente, coa excepción dalgunha rapa, só aparece o sector cabalar cando hai desgrazas: animais mortos ou desnutridos por maltrato animal, bestas piegadas, animais atropelados convertidos sempre en culpábeis por se interpoñeren no paso dos coches (é preciso sobreprotexer o ser humano), bestas asaninadas por “invadiren” propiedades agrícolas, poldros comestos polos lobos... E digo tristemente porque é unha verdadeira mágoa que os medios informativos non sexan capaces de ver todo o potencial positivo que ten este sector: primitiva e primeiramente, os equinos galegos son un dos mellores reguladores da biomasa arbustiva para evitar incencios, un dos animais que ocupan a maior parte do tempo de ocio e tempo libre dos galegos (ogano Galiza é a terceira comunidade do Estado español con maior censo equino) como animal de deporte (poden consultar o número de clubs e centros hípicos federados que hai no país no web da dita FHG), como animal de terapia (nomeadamente para persoas con discapacidade), etc. Son uns animais cunha funcionalidade incríbel que están profundamente enraizados na cultura galega (que sería dos arrieiros sen as súas bestas, dos panadeiros, leiteiros, médicos...) desde antes da chegada dos romanos mais que os medios teñen abandonado practicamente na súa totalidade.

E a miña pregunta é: acaso todos estes títulos dos xinetes e amazonas non son motivos máis ca suficientes e fundamentados para comezar a falar dun bo nivel da hípica galega? Acaso todos estes galegos non merecen ser destacados como os campións que son? Acaso non habería moitas galegas e galegos que leriamos de bo grado novas sobre veterinaria ou innovación no neste sector social tan importante como esquecido polos nosos medios? Precisamos un reseteo da información e unha actualización urxente que fique libre de inxustizas coma estas.

Comentarios