Os cabalos son os protagonistas das páxinas centrais do caderno 'Gozar' desta semana

"Foron montura, tiro e alimento de moitas xeracións, forman parte do noso patrimonio natural e cultural e deben seguir sendo obxecto da nosa atención", escribe no suplemento que vén co teu Nós Diario da sexta feira, 26 de xuño.
 
A adaptación dos cabalos galegos 
ás duras condicións climáticas 
e a súa resistencia fixo que chegasen a todas partes do mundo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A adaptación dos cabalos galegos ás duras condicións climáticas e a súa resistencia fixo que chegasen a todas partes do mundo. (Foto: Nós Diario).

Introducirse no mundo do cabalo do monte é algo apaixonante tanto pola importancia que ten o seu papel ecolóxico no ecosistema, como polos claros e escuros da súa historia e evolución. A realidade é que están aí convivindo con nós e permitíndonos coñecer e gozar da natureza. 

Os cabalos aparecen inmortalizados no duro soporte do petróglifo, o que nos retrotrae a 4.000 anos atrás, daquela eran xa un elemento importante da economía e da imaxinación humana, de aí a súa perpetuación. Foron elemento fulcral na evolución das civilizacións europeas así como de difusión da cultura. Viaxou cos pobos erráticos e foi un elemento de prestixio e culto. É por iso que cómpre revalorizar a figura equina no mundo actual.

O noso monte foi historicamente lugar de uso comunal, impulsado polo dereito consuetudinario de carácter xermánico, e entre estes usos atopábase o aproveitamento gandeiro. Nos anos 40 o gando foi expulsado dos montes, o que provocou a fractura máis importante da economía rural tradicional e un incremento da emigración. Esta situación, unida á masiva repoboación con piñeiro e eucalipto, provocou o maior desequilibrio ambiental dende a inxente deforestación iniciada na época medieval para a construción de navíos.

A pesar desa reconversión do rural, nunca deixou de haber gando no monte, ao menos nalgunhas áreas como as Serras da Groba e do Galiñeiro, o Suído, o Xistral ou a Capelada. Este tipo de gando, maioritariamente cabalar e vacún, viviu nos montes con poucos recursos,  cun delicado estado de saúde e o seu manexo estivo máis preto das prácticas dos pobos nómades prehistóricos, que dos tempos modernos.

Nos últimos anos, mentres que diversas iniciativas tratan de levar de novo o gando ao monte, tentando recuperar e impulsar a economía rural e, sen dúbida, un equilibrio ecolóxico actualmente moi quebrantado, paradoxalmente, dende o punto de vista cuantitativo, o gando ceibo tende a desaparecer.

Calquera día podemos saír ao monte para observar poldros, bestas ou burras e garañóns ou machos das greas, mais son os curros ou rapas das bestas os que concentran as greas e as fan máis visíbeis. 

(Podes ler o artigo íntegro de 'Bestas e garañóns'  no suplemento Gozar, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as sextas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, afondamos no Monterrei, "o viño da raia seca" da man de Puri Caldelas;  Eva Cameán Pensado e o xornalista e profesor Manuel Gago deixan as súas opinións nas seccións 'Tesouros' e 'A mesa inocente', e Nuria Espasandín e Sergio Casal, responsábeis do blog 'toxio.gal', protagonizan o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Máis en Nós Diario
Comentarios